Tàpies, Antoni

  (Barcelona  1923 - Barcelona  2012)
  Alias: Tàpies

Naceu en 1923 no barrio gótico de Barcelona, no seo dunha familia de clase media da burguesía catalá. Seu pai era avogado e súa nai pertencía a unha familia de tradición libreira.Os seus vínculos con destacados personaxes do republicanismo catalán e de artistas  e intelectuais nacionalistas, tamén lle deixaron unha importante pegada, marcando o seu carácter.

Aos 17 anos padeceu unha tuberculose que chegou a provocarlle un infarto. A súa delicada saúde fixo que se trasladase ás aforas da cidade, e obrigoulle a pasar longas tempadas de repouso.

En 1948 fundou xunto ao propio Bossa, Ponç, Cuixart, Tharrats e Arnau Puig a revista Dau al Set, publicación que tivo unha breve vida de tres anos debido a problemas coa censura. Neste mesmo ano expuxo por primeira vez as súas pinturas.

A súa primeira etapa artística foi denominada por Cirlot como "máxica", dado o forte influxo do surrealismo mironiano, da psicoanálise e da ciencia moderna. Non obstante, xa neste período se distinguen algúns dos trazos da que será a súa liña de traballo máis recorrente: a experimentación cos materiais e o uso habitual do gratagge e o colaxe.

Nos anos 50 encontra o seu estilo definitivo. A súa estancia en París en 1951, cunha bolsa do estado francés, permitiulle entrar en contacto coas tendencias europeas, despoxándose das referencias figurativas e da intención narrativa. A partir deste momento, comeza a reiterarse nas súas obras unha iconografía que fará propia e que non abandonará en toda a súa carreira. A súa fonte son elementos de aparencia real que emprega como pretexto para tratar o inaprensible da existencia e establecer un diálogo co espectador.

Nesta mesma década dos 50 Tàpies alcanzou o recoñecemento internacional. Tres anos máis tarde realizou a súa primeira viaxe a Nova York para expoñer en solitario na Martha Jackson Gallery e recibiu un premio na Bienal de Sao Paulo. Un ano despois contraeu matrimonio con Teresa Barba, coa que tivo tres fillos. En 1956 foi galardoado pola UNESCO e en 1958 acudiu á Bienal de Venecia cunha sala en exclusiva, gañou o primeiro premio Carnegie do Institute of Pittsburg e invitárono á III Documenta de Kassel.

En 1956 foi tamén o ano no que coñeceu a Miche Tapié, iniciando o seu labor como ilustrador de libros. En 1967 ilustrou varios libros de Jacques Dupin, entre eles Nuit grandissante. O carácter polifacético e plural de Tàpies culmina coa realización de diversos ensaios de índole filosófica e estética como La práctica de l´art (1970), Memoria personal (1978), La realitad como a art (1982) e Per un art modern i progresista (1985).

En 1980 produciuse un punto de inflexión na carreira do artista. Fronte a uns esquemas simétricos, ortogonais e pechados, aposta por un maior expresionismo reflectido en formas máis abertas, caóticas e manchadas. Nestes anos comeza a experimentar coa escultura en terra, interesándose polos valores de textura da materia. Realiza obras exentas en terra chamotada, lava e formigón. Este tipo de traballo permítelle entrar en contacto directo coa materia.

A iconografía máis frecuente destas pezas tamén deriva de formas simples, populares e básicas, en formas pretexto coas que quere reflexionar sobre conceptos ocultos e existencialistas. Entre 1991 e 2001 produciuse un baleiro de produción escultórica, que retomou en 2002.

Ao longo da súa carreira Tàpies obtivo numerosos premios e mencións: en 1981 recibiu a Medalla de Oro de las Bellas Artes e foi nomeado Doctor Honoris Causa pola Universidad de Barcelona, a Universidad de Palma de Mallorca e o Royal College of Art. En 1990 concedéronlle o Premio Príncipe de Asturias das Artes e en 2003 o premio Velázquez das Artes Plásticas.

A súa obra forma parte das principais coleccións do mundo. Expuso en centros como o MNCARS, IVAM, MACBA, etc.

A súa obra forma parte das principais coleccións do mundo e expuxo en centros como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o IVAM, o MACBA ou o Guggenheim.

Antoni Tàpies. Obra gráfica, Fundación César Manrique, xullo-agosto 1996.

Antoni Tàpies unha antolóxica 1959-1995, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, xaneiro-marzo 1996.

Antoni Tàpies. Obras 1990- 1998, Sala de Exposiciones del Centro Cultural "Las Claras", Murcia, 30 de novembro 1999- 9 de xaneiro 2000.

BERISTAÍN, ANA e GONZÁLEZ, MARTA: "Tàpies y las tierras" en Tàpies, tierras, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 26 de outubro 2004- 17 de xaneiro de 2005, Fundación Caixa Galicia, Ferrol marzo-abril 2005, pp. 17-18.

BOZAL, VALERIANO: "Tápies, la resistencia del tiempo" en Tàpies, tierras, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 26 de outubro 2004- 17 de xaneiro de 2005, Fundación Caixa Galicia, Ferrol marzo-abril 2005, pp. 33- 47.

FRÉMON, JEAN: "Tàpies y el objeto verdadero", en Tàpies, tierras, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 26 de outubro 2004- 17 de xaneiro de 2005, Fundación Caixa Galicia, Ferrol marzo-abril 2005, pp.47-56.

ROMA, VALENTÍN: "Una arquitectura de lo visible" en Antoni Tàpies. Una Arquitectura de lo visible, Fundación Marcelino Botín, Santander, do 22 de outubro ao 12 de decembro de 2004.

Tàpies, comunicaçió sobre el mar, Fundació Antoni Tàpies Barcelona, 23 xaneiro - 29 marzo 1992, IVAM Centre Julio González, Valencia, 14 abril-7 xuño 1992, Serpentine Gallery Londres, 19 xuño-9 agosto 1992.

Tàpies. Celebració de la mel, Fundació Antoni Tàpies Barcelona, 22 xuño-5 setembro 1993.

Tápies, Museo Pecci, Prato 21 marzo-I xuño 1997.

Tàpies, el tatuage i el cos. Papers, cartons i collages, Fundació Antoni Tàpies, Barcelona, 3 de marzo- 3 maio, 1998.

Tàpies. Galería Fernando Santos, Porto, 2002.

Tàpies. En perspectiva, MACBA, 2004.

Ver menos