Lago Rivera, Antonio

  (A Coruña  1916 - París  1990)
  Movimiento/Escuela: Figuración lírica

Iniciou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios Artísticos da Coruña e continuou na Escuela de Bellas Artes de Madrid (1939-1943).  s súas primeriras obras son paisaxes da Coruña e arredores, bodegóns con delicadas transparencias e interiores, nos que xa hai estudos da perspectiva e o sentido do espazo. En Madrid aprendeu a captación do espido e a paisaxe.

A mediados dos coarenta, a súa obra decantouse por unha temática cotián: de tranvías, tiovivos e grupos de nenas e mulleres. Abandonou as paisaxes, a as cores opacas e optou por un cromatismo potente máis próximo aos fauves. A súa paleta énchese de luz e claridade.

En 1945 obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña e outra do Goberno Francés para estudar pintura ao fresco na École de Beaux Arts de París. Este paso foi decisivo para a súa evolución pictórica. Alí coñeceu a José Guerrero xunto ao que expuxo en varias ocasións. Por estes anos tamén vinculouse á Galería Buchholz de Madrid. A galería Buchholz era un local que naquel momento apostaba por valores novos como Planes, Guerrero, Palazuelo ou o propio Lago e que, desgraciadamente, o dono se viu obrigado a abandonar a mediados do ano 1951 debido á pouca acollida destas novas propostas. 

Nesta época a pintura de Lago Rivera opoñíase á pintura oficial cunha figuración de ton idealista e poético de temas sinxelos e sobrios, e cores e formas suaves. Crea unha natureza irreal para así poder poetizala. Os seus retratos femeninos son de cores puras, moi belas e novidosas. 

En 1947 regresou a Madrid e traballou no Liceo Francés como profesor de debuxo. Este mesmo ano Lago e Guerrero expoñen na Galería Altarriba de París. A esta mostra levou paisaxes e figuras, recreadas nunha linguaxe de formas sinxelas. É a época dos amarelos limón contrastados con verdes e azuis. Pintou os murais da Feria del Campo de Madrid nos que se despoxa de toda alusión figurativa e opta por unha abstracción xeométrica de cores moi fortes. O cadro redúcese a planos e liñas en composicións severas e monócromas onde o único contraste procede da gradación da cor. Nestes anos expón na Bienal de São Paolo e na Carnegie International. 

Paulatinamente empezou a interesarse polo informalismo lírico e o valor expresivo da mancha. A súa pintura situouse moi cerca do tachismo francés. En 1955 presentou na Galería Arnaud de París unhas obras con ritmos de manchas e trazos negros sobre fondos azuis ou branco, nos que había unha xeometría pura de manchas de cor vermella, azul e amarelo. En 1956  fai unha incursión no informalismo. Utilizaba a espátula, e principalmente tons de grises, en grosas capas de manchas superpostas. Posteriormente as manchas aparecerían como flotando no espazo, finxindo unha sensación de dinamismo.

Nos anos 60, regresou á figuración con temática de mariñas, bodegóns e parellas que abordará durante o resto da súa traxectoria. Volveu, en definitiva, ao lirismo figurativo. En  el año 1963, obtivo a bolsa Juan March e expuxo con máis frecuencia por España. Nesta época a súa obra desenvólvese en tonalidades rosas e azuis. Este mesmo ano estableceuse en Altea (Alacant), por prescrición facultiva. 

A partir dos anos 70, a súa obra caracterízase por unha gran delicadeza e unha paleta moi suave de tons fríos (grises e azuis). A temática habitual é tratada con intimismo e sensibilidade.

Os seus últimos anos constituen a súa chamada “Etapacrítica”: os perfís recórtanse e agudizan, as expresións humanas vólvense torvas. Reincorpora á paleta os tons cálidos sen abandonar as tonalidades frías, nin o Branco Titán. Nos cadros deste período amosa unha burguesía conservadora de dobre moral e o deshumanizado vivir das masas humanas cun ton irónico e traxicómico.

Artistas Galegos: pintores (abstraccións-figuracións). Lago Rivera, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.

CALVO SERRALLER, F: Enciclopedia del Arte Español del siglo XX , Mondadori España, Madrid, 1991.

CAFFARENA, A.: La evolución en la pintura de Antonio Lago , Málaga, 1981.

Colección de Arte Caixa Galicia. Novas Adquisicións 96-98 (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1998.

Galicia Arte, Tomo XV, Arte Contemporánea, Hércules Ediciones,  A Coruña, 1993.

GONZALEZ GARCÉS, M: Antonio Lago Rivera (catálogo), A Coruña, 1989.

PABLOS, F: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias/La Pintura en Galicia. Del XVII  a las últimas tendencias, Edicións Nigratea, Vigo, 2003

SOBRINO MANZANARES, Mª.L.: La Edad Contemporánea en Historia del Arte Gallego, Alhambra, Madrid, 1982.

Ver menos