Saura, Antonio

  (Huesca  1930 - Cuenca  1998)
  Movimiento/Escuela: El Paso
  Web artista: http://www.antoniosaura.org/

Comezou a pintar e escribir de forma autodidacta durante unha enfermidade xuvenil. Entre 1948 e 1950 realizou varias pinturas en papel e cartón de carácter onírico e experimental: as series Constelaciones, Pinturas Muertas e Rayogramas, que presentou na súa primeira mostra individual da Sala de Libros de Zaragoza. Durante estes anos residiu entre Cuenca e Madrid, onde ademais de expoñer as súas obras, organizou as mostras de arte de vangarda Tendencias 2” e Arte Fantástico”.

Entre 1953 a 1955 instalouse en París, onde participou nas actividades do grupo surrealista. Michel Tapié interesouse pola súa obra e introduciuno na galería Stadler, na que realizou numerosas exposicións. Non obstante pronto abandonou a tendencia surrealista, para inclinarse polo informalismo e o action painting norteamericano. A capital francesa convertiríase nun dos seus lugares de residencia habitual.

En 1957 fundou en Madrid o grupo El Paso, xunto aos críticos Manuel Conde e José Ayllón e os artistas Rafael Canogar, Luis Feito, Juana Francés, Manolo Millares, Manuel Rivera, Antonio Suárez e Pablo Serrano. Este grupo, que é un dos primeiros movementos realmente vangardistas da España da postguerra, propugnou unha nova linguaxe xestual cercana ao informalismo.

A súa serie Castellana (1954) convertiuno nun dos primeiros artistas españois en utilizar a linguaxe do expresionismo abstracto, e supuxo o inicio das súas series de estrutura figurativa, que foron o punto de arranque da súa obra de madurez. As Damas, Retratos Imaginarios e Crucifixiones, desta época, están baseadas en arquetipos figurativos, cun certo carácter satírico, e realizadas con procedementos expresionistas e unha reducida gama de cor (branco e negro). A figura central dos seus cadros é o home sometido polo artista a unha feroz crítica moral.

En 1958 comezou a traballar en obra gráfica e en 1960 formou parte de Estampa Popular. En 1964 deixou de pintar sobre tecido por un tempo, dedicándose por completo á obra en papel. Utilizou este soporte nas súas series Superposiciones, Transformaciones e Grandes Montajes e nos grandes colaxes sobre paneis de madeira, Rompecabezas e Trampantojos.

De novo en óleo, realizou a serie Dora Maar (1983) e un conxunto de grandes pinturas, como Iniciaton a la creation, (1985). En 1987 pintou un gran mural no teito da nova sede da Diputación de Huesca, Elegía, que marcou unha nova etapa máis colorista na súa obra.

Cunha paleta moi reducida (branco, negro e vermello preferentemente) a súa obra baséase na representación de figuras, moitas veces simbólicas (dende Cristo ata Brigitte Bardot), cun aspecto case irrecoñecible, deformadas por trazos violentos e trazos distorsionados nun absoluto desprezo polas normas da representación figurativa tradicional. Cos seus debuxos e grabados ilustrou numerosos libros como Asedio, de José Miguel Ullán (1980), El arte de birlibirloque , de José Bergamín (1982), Emblemas, de José Ángel Valente e, ultimamente, El Quijote e La muerte y la nada , de Jacques Chessex.

Foi galardonado, co Premio Guggenheim (1960), o Premio Carnegie (1964), o título de Caballero de las Artes y las Letras do Ministerio de Cultura francés (1981), a Medalla de Oro de Bellas Artes del Ministerio de Cultura español (1982), e a Medalla de Oro de la Ciudad do Ayuntamiento de Huesca (1982).

Dende a súa xuventude compaxinou o seu labor creador coa teórica, escribindo textos, artígos e ensaios, e son numerosas as súas exposicións individuais e colectivas, tanto a nivel nacional como internacional.

A súa obra encóntrase nas máis prestixiosas coleccións: MNCARS (Madrid), Museo de Arte Contemporáneo (Sevilla), The Museum Institute (Pittsburg), Tate Gallery (Londres), Centre Georges Pompidou (París), Cabinet des Estampes, Bibliotheque Nationale (París), entre outras.

AENA Colección de Arte Contemporáneo (catálogo), Fundación Aena, Valencia, 1998.

A. SAURA. Decenario 1980 - 1990, Diputaciones Provinciales de Huesca, Teruel e Zaragoza, 1991.

AYLLÓN, J.: Antonio Saura, Barcelona, 1969.

Arte en España 1918 - 1994 en la Colección Arte Contemporáneo, Alianza Editorial.

CALVO SERRALLER, F.: Enciclopedia del Arte Español del siglo  XX.

CIRICI PELLICER, A.: Lectura de Antonio Saura, París, Yves Riviere, 1980.

MASON, R.M.: Antonio Saura "Pinturas" 1956 - 1985" (catálogo), Ministerio de Cultura, Madrid, 1989. 

"Saura", en Arte y Parte, núm. 2, abril-maio, 1996.

Ver menos 

Obras do artista