Puga, Antonio de

  (Ourense  1602 -  1648)

Naceu en Ourense, onde se cre que puido haber comenzado a estudar para clérigo, xa que entre as súas pertenzas había un gran número de libros de carácter eclesiástico. Ademais a súa incorporación ao taller do pintor de orixe italiana, Eugenio Caxés foi bastante tardía, contando o pintor con trinta anos. Non obstante Mª Luisa Caturla, experta na pintura de Puga, non descarta un período de formación ao servizo da Armada da que se retiraría pola súa precaria saúde.

Malia a súa corta carreira de pintor, hai que destacar a presenza de Puga na corte de Felipe IV, na que tivo unha modesta achega no decorado pictórico do Salón de Reinos, constatada nun primeiro testamento que o artista realizou en 1635, con motivo dunha grave enfermidade.

Hai quen quixo ver, neste pintor, influencias de Velázquez, chegando incluso a consideralo o seu discípulo. No entanto, é máis probable que ditas influencias lle veñan máis directamente de Juan Bautista Martínez del Mazo - xenro do mestre- co que Puga si tivera relación, xa que sábese que eran veciños.

 Na súa curta traxectoria Antonio de Puga foi capaz de pasar en pouco tempo dun absoluto manierismo, baixo a tutela de Eugenio Caxés, a un acercamento a Velázquez, moi evidente nos seus cadros costumbristas, terminando por experimentar, pouco antes da súa morte, con novas fórmulas da evolución artística europea. 

CATURLA, M.L.: Antonio de Puga. Pintor Gallego, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1982.

CATURLA, M.L.: Un pintor gallego en la Corte de Felipe IV. Antonio Puga, Santiago de Compostela, 1952.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias. Nigra Trea, Vigo, 2003.

Ver menos 

Obras do artista