Bóveda, Carlos

  (Pontecesures, Pontevedra  1933 - Padrón, A Coruña  2004)

De formación autodidacta, foi bolseiro da Deputación Provincial da Coruña para asistir a diversos cursos de formación por toda España. En 1948 ingresou como decorador na fábrica de Cerámica Celta tomando contacto cos traballos que para ela realizaron Castelao, Asorey, Acuña, Carlos Maside e Manuel Torres, entre outros importantes artistas galegos. Foi colaborador gráfico e ilustrou artigos e realizou debuxos humorísticos nos xornais Faro de Vigo e La Noche.

A comezos dos anos sesenta viaxa a Arxentina, e instálase en Bos Aires, expón no Museo Municipal de Artes Plásticas "Eduardo Sivorí", no Centro Lucense e na Sociedad de Cultura Padronesa e no Museo Municipal de Lugo, entre outros moitos lugares.

No ano 2001 trasladouse de novo a Galicia, xa enfermo, falecendo tres anos despois en Padrón.

A obra pictórica de Carlos Bóveda é herdeira en canto á iconografía e temática da tradición do movemento anovador da pintura galega e do papel que xogou a escola cerámica de Pontecesures na mesma. Galicia está sempre presente nas súas obras, a través dos seus homes e as súas mulleres recreados nas súas figuras, de perfís rudos e redondeados, realizados con grosas pinceladas e denso cromatismo. Ao longo dos seus cadros, rememóranse imaxes dunha Galicia de oficios e costumes, de arquitecturas e escenas enraizadas no popular, sempre realizadas cun bo dominio do debuxo.

Ver menos