Pérez Rubido, Cruz

  (A Coruña  1954 - )

Inicia a súa carreira plástica na súa cidade natal (A Coruña) nos anos oitenta tras estudar debuxo e pintura no Círculo de Bellas Artes de Madrid.  A súa primeira exposición individual  faina en 1987  baixo o patrocinio da Xunta na Casa da Parra de Santiago de Compostela. O ano seguinte expondrá na Galería Trinta  e en 1989 na Galería Abel Lepina de Vigo. Posteriormente participará en importantes exposicións colectivas institucionais como "Una década de pintura gallega" en 1990 ou "Trazos y Camiños" en 1993.

Trátase dunha pintora cunha clara tendencia ao expresionismo e debedora da Transvangarda Italiana e do Neoexpresionismo alemán que tan en boga estiveron no eido artístico galego e español nos primeiros anos da década dos 80. Tratará logo de encontrar unha linguaxe propia, cunha marcada síntese formal na que a redución da cor, a investigación matérica, a prioridade do signo e a apertura cara a posicións obxectuais son os protagonistas.

Non hai discurso narrativo, a forte seriación das súas propostas e unha preferencia pola ausencia de discursos simbólicos codificados son características das súas obras. Cando os signos aparecen, móstranse reducidos de escala coa intención de convertelos en iconas erráticas en amplos territorios matéricos. Hai tamén na súa obra, unha radical esquematización dos seus contornos que lle achegan un certo carácter arqueolóxico.

No conxunto da súa obra, intúese un intenso compoñente esteticista que na maioría dos casos lle confire aos seus cadros unha enorme valoración decorativista. Os cadros da pintora son clásicos no sentido harmónico da composición e dese equilibrio xorde a chispa que comunica directamente cun espectador que se deixa levar polas sensacións perceptivas e táctiles.

CABRERA, María: Cruz Pérez Rubido, un paseo polo mundo, artigo de "Memoria e Vangarda: 8 pintores de Galicia". 1998.

Galería Soloarte: Cruz Pérez Rubido: pinturas, Galería Soloarte, 1990.

PÉREZ RUBIDO, Ana: Cruz Pérez Rubido, Catálogo da exposición (4 ó 29 de maio 2000), Casa de Galicia, Madrid.

Ver menos 

Obras do artista