Río Ruibal, Daniel (Caxigueiro)

  (Mondoñedo  1955 - )
  Alias: Caxigueiro

Dende neno Caxigueiro, tivo unha inclinación artística que se iniciou nos obradoiros de olería ao que asistía nos seus anos escolares. Pasou a súa adolescencia en Mondoñedo onde, xunto con Mauro Leiva e Artiaga, traballaba en cerámica e outras actividades culturais para asistir a concursos e exposicións. .

En 1977 fai un curso de cerámica no seminario de "Estudios Cerámicos de Sargadelos" e ao finalizalo ofrecéronlle un traballo na fábrica. Permaneceu nela durante tres anos, dous dos cales pasounos no laboratorio de deseño e de investigación técnica. Esta estancia influiu notablemente nel, xa que Sargadelos era o único centro de Galicia onde se realizaban investigacións sobre cerámica. Aquí Caxigueiro recoñeceu a técnica e púxose en contacto con outros artistas que compartían as súas inquietudes, según el manifiestou nunha entrevista "...alí non facía traballo creativo pero si un traballo técnico bastante importante, aparte de estar rodeado por unha boa biblioteca e de moita xente que viña doutros lugares a pasar estancias con algunha bolsa. Entonces estaba en contacto con artistas plásticos importantes do mundo da cerámica".

En 1980 abandonou Sargadelos para dedicarse ás artes plásticas e terminar os seus estudos de Artes Aplicadas, que comenzara por libre. Unha vez concluídos, traballou para un taller comercial ocupacional coa condición de que lle permitisen utilizar os seus fornos. O seu labor no taller era a de realizar os moldes que a empresa posteriormente colaba e decoraba. Coas obras que conseguiu facer, naceu a súa primeira exposición na sala do "Banco de Crédito e Inversiones" de Lugo en 1981.

Inscribiuse na Asociación Galega de Artesáns (AGA) onde coñeceu a María Xosé Díaz con quen trabaría amizade debido a que, segundo el, "era a única que aínda que traballaba na cerámica de maneira artesanal tiña unos trazos distintos respecto ao resto". Tamén coñece aos ceramistas Cuiña e Regal. En 1984, grazas a unha bolsa, desprazouse a Madrid para estudar novas técnicas co ceramista Alfonso D´Ors. Ao volver a Galicia montou o seu propio taller.

Xunto a María Xosé Díaz formou en 1987 o grupo REMOL, un colectivo de ceramistas que pretendía romper coa realidade cerámica existente en Galicia neste medio. Aínda que vinculado á artesanía en canto a tipoloxías e comercialización, se orientaba cara a produción dun tipo de obra moi persoal. A partir de 1989 ampliou o seu horizonte plástico con propostas nas que incorporaba novos materiais e técnicas, abordando proxectos máis complexos, como as instalacións.

 Entre os seus traballos hai que destacar as seguintes series: Guerreiro, onde asocia os dentes gastados dunha excavadora que encontra nunha canteira, cos "Bunkers" utilizados nas guerras mundiais, conformando unha alusión antimilitarista do conflito. Europa Terapia Puntual, na que incorpora o ferro en forma de contedores modulares que serven de expositor á forma "guerreiro" e evocan o anonimato das víctimas das guerras onde pasan a ser simples cifras, perdendo a individualidade do ser humano. O Bosque das ausencias, onde rostros cerámicos deformados e expresivos representan a aqueles que torturan, dominan e asasinan a víctimas inocentes. Trátase dunha serie moi escenográfica, xa que a iluminación procede da propia obra e busca que o espectador transite por ela, completando coa súa presenza o significado. A linguaxe da memoria, inspirada na destrución humana e cultural producida nas guerras, e especificamente na destrución da biblioteca de Saraxevo, xa que exhibe libros calcinados e mutilados no chan ou contedores que aluden á anulación das culturas oprimidas e enfatizan a súa  intención de narrar. Xeografías, ten o seu punto de partida nun poema de Caxigueiro onde fai referencia aos lugares, países e pobos que, distantes entre si, foron elixidos no seu momento como obxecto de represión.
   

En todas elas apréciase a teoría que ten Caxigueiro respecto á arte "como medio de comunicación ao servizo da defensa de culturas minoritarias, das agresións que a diario  se realizan contra as liberdades, a protección do medio natural e a denuncia expresa da inxustiza".1 

Ao longo da súa traxectoria obtivo diversos premios (Cidade de Lugo, Cidade de Mondoñedo...) e goza de prestixio na escultura cerámica española, xa que participou nos últimos anos en moitas convocatorias internacionais que permiten o seu recoñecemento no resto de Europa. 

1(GARRIDO MORENO, A.: "La escultura gallega en la década de los noventa". En Galicia EScultura: vinte anos vinte escultores, (catálogo). Concello de Ferrol: Ferrol, 2002.)

Bienal Europea de Cerámica (catálogo), Ayuntament de Manises, Manises, 1993.

IV Bienal Europea de Cerámica (catálogo), Museo de Ceràmica, Manises, 1999.

IV Bienal Internacional de cerâmica artística : Aveiro 95 (catálogo), Câmara Municipal de Aveiro, Aveiro, 1995.

Caxigueiro (catálogo), Galería Bacelos, Vigo, 1997.

Caxigueiro (catálogo), Galería Sargadelos, Ferrol, 1993.

Caxigueiro (catálogo), Galería Sargadelos, Santiago de Compostela, 1994.

Caxigueiro (catálogo), Galería Arracada, A Coruña, 1989.

IV Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo (catálogo), Deputación da Coruña, A Coruña, 1996.

Enciclopedia Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

Europa: Terapia Puntual (catálogo), Galería Pardo Bazán, A Coruña, 1995.

"A escultura actual de Galicia", en Galicia Terra Única (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

"Galicia Hoxe", en Galicia Terra Única (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

Galicia Escultura : vinte anos, vinte escultores (catálogo), Concello de Ferrol, Ferrol, 2002.

GARCÍA , X.L.: "Remol, entre a vocación e a vangarda ceramista", en El Correo Gallego, 3 de xaneiro de 1989.

GARCÍA HERRADÓN, M.: "Trayectoria", en Cerámica, núm.53, 1995.

GARRIDO MORENO, A.: Escultura gallega contemporánea: la cerámica como punto de partida (catálogo), Centro de Artesanía y Diseño de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, INLUDES, Lugo, 2000.

GARRIDO MORENO, A.: "Diálogos con el espectador y el espacio", en Cerámica, núm. 67, 1999, páx. 76.

GARRIDO MORENO, A.: "Xeografías ", en Caxigueiro: Xeografías (catálogo), Caja Madrid, Pontevedra, 1999.

Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa: fondos 1989-1998, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 2000.

NÚÑEZ SÁNCHEZ, F.: "Caxigueiro", en Cerámica, núm. 58, 1996.

V Premio Nacional de Cerámica Creativa (catálogo), Ayuntamiento de Zaragoza, Zaragoza, 1991.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: De Asorey ós 90 : a escultura moderna en Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

En torno al barro: diálogo sobre cerámica, Ayuntamiento de Sangüesa, Sangüesa, 1998.

Trazos e camiños: exposición de arte galega (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

En voz baixa (catálogo), Centro de Artesanía e Deseño, Lugo, 1998.

Ver menos