Colmeiro, Elena

  (Silleda, Pontevedra  1932 - )
  Web artista: http://www.elenacolmeiro.com/spa/index.html

Filla do pintor Manuel Colmeiro, emigrou coa súa familia a Bos Aires no ano 1941, coincidindo co éxodo masivo provocado por motivos políticos e económicos que seguiu ao final da Guerra Civil. En 1948 ingresou na Escuela Nacional de Cerámica que dirixía o profesor Fernández Arranz. A artista explica desta maneira como se decantou pola cerámica: "o meu pai non interveu para nada na miña decisión de elixir a cerámica (...). A miña idea inicial era a de acer arquitetura, pero iso supoñía diñeiro e en casa non sobraba".

Cando aínda era estudante gañou o primeiro premio no Salón Anual de Artes Plásticas, e a continuación realizou un curso de pedagoxía para poder ser profesora. Comezou a súa carreira laboral simultaneando a súa laboura docente nunha institución italiana co seu traballo coloreando vaixelas en varias fábricas. No ano 1954, realizou a súa primeira exposición na Galería Müller de Bos Aires. Ao ano seguinte regresou a Galicia, instalándose definitivamente na Península. No ano 1956 expuso a súa obra na Sala Fraga de Vigo, e dous anos máis tarde casou co escultor Jesús Valverde1

A proxección da súa obra a nivel más amplo cristalizou na mostra da Galería Jorge Juan de Madrid do ano 60 e na do Ateneo, en 1962. Nesta época Antonio Prieto ofreceulle una estanza no Mill College2, que ela rexeitou. Co tempo arrepintiuse de non ter aproveitado esta oportunidade porque en España se sentía illada, o traballo non era colectivo e case non encontraba persoas que se dedicasen á cerámica. En 1964 concedéronlle a bolsa da Fundación Juan March, e ao ano seguinte foi seleccionada para a exposición itinerante "10 artistas españoles en Francia". En 1966 recibiu o primeiro premio da Bienal de Uruguay e no 1967 a medalla de ouro na Exposición Internacional de Cerámica de Faenza. 

A finais da década dos 60 visitou ao mestre Llorens Artigas co afán de seguir profundizando no coñecemento da cerámica. Pouco despois, nunha viaxe a Siracusa, coñeceu a Anthony Caro3 que afianzou o seu rexeitamento cara a servidume das institucións educativas e o mecenado á técnica, que actuaba en dentrimento da crítica e a imaxinación, e que ela mesma tivo que acatar durante un tempo.

Recibiu unha bolsa de viaxe para o Mill Collage de Oakland en San Francisco, que esta vez si aproveita. As súas primeiras exposicións individuais a nivel internacional - Galería Internacional de Bruxelas -, proporcionáronlle un maior recoñecemento e foron o impulso decisivo para que no ano 1970, a Dirección General de Bellas Artes comisariase una retrospectiva sobre a súa obra. O seguinte paso na súa formación dáo no European Ceramics Work Centre de Holanda, dirixido por Xabier Toubes, onde realiza unha estadía. Actualmente vive e traballa en Madrid.

As primeiras obras de Elena Colmeiro desenvólvense no ámbito da cerámica utilitaria que decoraba con cores moi brillantes. Paulatinamente o proceso tende cara unha valoración progresiva do interior das formas. Na década dos 50, Elena Colmeiro entra en total sintonía coas propostas informalistas das artes plásticas que se desenvolven nos círculos madrileño e catalán.

Nos anos 70 compaxina a produción de obras de gran tamaño, nas que reflexiona sobre a espiral e onde a cor se confunde coa materia, coas de pequeno formato. Nos anos 80 aparecen as placas e decántase pola forma circular. Tras pasar un período investigando na Fábrica de Sargadelos, deixa de modelar e constrúe. Acumula diversos fragmentos de placas que crecen en altura, e a gama de cores imprégnase de azul, ocre, branco e terras. A finais da década introduce o ferro e a madeira, tratados en estruturas xeométricas simples, e comeza a valorar o oco e a súa capacidade expresiva. Para María Rosa Gómez Sanz é neste momento que Elena Colmeiro se converte en escultora.4 Cando introduce como material o carburo de silicio, a súa obra adquire unhas formas prismáticas, de formas aristadas. O barro e o silicio permítenlle realizar obras orgánicas ou construtivas, indistintamente, onde exalta o material e as súas texturas.

Na década dos 90 potencia o carácter escenográfico, enfatizando o interese espacial con diferentes planos de cor. Restos de ladrillos e ferro son os principais materiais das súas últimas obras. Nestes anos realiza pezas inestables que parecen desafiar á gravidade. O movemento convértese nunha constante. Pode tratarse dun "movemento centrífugo de gran velocidade",5 pero tamén é un movemento en equilibrio que dota dunha fraxilidade ás pezas que se acentúa mediante a súa superficie rugosa e agretada.

As súas obras encóntranse no Museo de Cerámica (Barcelona), Museo de Cerámica González Martí, Parlamento de Galicia, MACUF (A Coruña), Museo de Pontevedra, Fundación Museo Salvador Victoria (Rábielos de Mora, Teruel), Museo Quiñones de León (Vigo), Colección Caixa Nova (Vigo), Museo Ariane (Xenebra), Escuela de Arte (Edimburgo), Keramion Museum (Frechen, Alemaña), Prefactural Museum (Saga, Xapón).


Determinante, na obra de Elena Colmeiro, é a dispoñibilidade dos fornos e o contacto que ten coas fábricas de vidro que posuía a familia do seu marido.

2 Movemento ceramista de California. Ubícase na sección de cerámica de Berkeley.

3 Comenta ao respecto: "Coñecín en Siracusa a obra cerámica de Anthony Caro que non sabe nada de técnica. Algunhas cousas estaban rachadas, que importa? O valor que había na escultura era o que a min me atraíu. Esas cousas eran as que me facían máis forte para deixar de lado a técnica".

4 GÓMEZ SANZ, Mª Rosa: "Canto a la materia", en Elena Colmeiro, Atlántica Centro de Arte, Gráficas Mera S.L., A Coruña, 2000.

5 GARRIDO MORENO, A.: "Elena Colmeiro", en Artistas Gallegos. Escultores. Figuracións, Nova Galicia, Vigo, 2000.

AA.VV.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Vol. III, Forum Artis, Madrid, 1994.

AREÁN, C.: Artes Aplicadas en la España del Siglo XX, Madrid, 1967.

A arte inexistente. As artistas galegas do século XX (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995. 

BONET CORREA, A.: Elena Colmeiro, Cuadernos de Arte Ateneo de Madrid, 1962. 

BONET, JUAN MANUEL: "Elena Colmeiro y su obra en marcha", en Elena Colmeiro, Atlántica Centro de Arte, Gráficas Mera S.L., 2000.

CASTRO, A.; PRADO IGLESIAS, D.: Encontros no espacio, Consellería de Educación e Cultura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1984.

CASTRO, A.: Arte Galega, Consellería da Presidencia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.

Colección de Arte Gallego Caixa Galicia: en la sala de exposiciones de Ourense (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1996.

Colección de Arte Caixa Galicia: Estación Marítima (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1996.

Colección de Arte Xunta de Galicia (1986-1993), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

COLMEIRO, E.: Gran Enciclopedia Galega, Tomo VII, Silverio Cañada, Santiago de Compostela, 1974-2000.

DÍAZ PARDO, I.: "A cerámica como soporte da creación artística", en Cerámica actual: Tendencias (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1987.

Elena Colmeiro. Exposición antolóxica (catálogo), Fundación Caixavigo, Vigo, 1993.

"Elena Colmeiro", Colección Cuadernos de Arte, núm. 40, Vigo, 1993.

Elena Colmeiro, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.

Elena Colmeiro. Esculturas y dibujos, 1988-1995, Museo Barjola, Xixón, 1995.

Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993. 

La Europa de los ceramistas (catálogo), Museo Español de Arte Contemporáneo, Madrid, 1989.

Galicia : Panorama del Arte Moderno, Banco de Bilbao, Madrid, 1982.

GARCÍA IGLESIAS, J.M.: Elena Colmeiro (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.

GARRIDO MORENO, A.: "Elena Colmeiro", en Artistas Gallegos. Escultores. Figuracións, Nova Galicia, Vigo, 2002.

GAYA NUÑO, J.A.: Arte de siglo XX, Plus Ultra, Madrid.

GÓMEZ SANZ, Mª ROSA: "Canto a la materia", en Elena Colmeiro, Atlántica Centro de Arte, Gráficas Mera, S.L, 2000.

GONZÁLEZ ALEGRE, A.; DÍAZ PARDO, I.: Cerámica Galega actual. Tendencias, Consellería de Cultura e Bienestar social, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1987.

HUICI, F.: Construcciones (catálogo), Galería Aele, Madrid, 1991.

LÓPEZ VÁZQUEZ, X. M.: "La escultura gallega contemporánea", en Galicia eterna, vol.V, Ediciones Nauta, Barcelona, 1984.

A mares: o espello do mar en el arte gallego de los siglos XIX y XX (catálogo), Museo do Mar de Galicia, Vigo, 2003.

Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa: fondos 1989-1998, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 2000.

PLAZA MOLINA, G.: Arte en Galicia. La década del "boom" (1970-80), Edicións do Castro, Sada, A Coruña, 1981.

PORTELA SANDOVAL, F. J.: "Aproximación á escultura galega contemporánea", en A Arte galega: estado da cuestión, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 1990.

SEOANE, X.: Revisión dunha década. 1978/88,  Santiago de Compostela, 1990.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: De Asorey ós 90. A escultura moderna en Galicia, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: "La escultura contemporánea en Galicia", en Gran Eciclopedia Gallega, tomo X. Silverio Cañada, Santiago de Compostela, 1974-2000. 

SUBIRATS, E.: "La ceramista y la escultura", en Elena Colmeiro (catálogo). Galería Aele. Madrid, 1991.

Tendencias. Cerámica galega actual (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1987.

Trazos e camiños: exposición de arte galega (catálogo), Consellería de Relacións Institucionais, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

Ver menos 

Obras do artista