Santiso García, Elvira

  (Betanzos  1872 - Santiago de Compostela  1961)

Trasladouse sendo moi nova a Santiago de Compostela, onde foi discípula do  pintor  Fenollera na Real Sociedad Económica de Amigos del País. Posteriormente neste centro exerceu a docencia como profesora de debuxo e pintura, e que lle servíu para gañar a Medalla de Alfonso X El Sabio.As influencias do seu mestre están presentes na súa obra, sobre todo no uso dunha paleta reducida baseada en tonos ocres e grises. No entanto, empregou esquemas compositivos propios do Impresionismo e o Modernismo, con espazos fortemente acoutados, descentramentos, asimetrías e puntos de fuga altos e próximos ao espectador, tomados da fotografía.

 A partir de 1890 obsérvase nas súas obras o influxo de Sotomayor: abandona a restrición de grises e terras e gaña en riqueza cromática.

Acudiu á Exposición Nacional de Bellas Artes en 1906, onde obtivo unha mención honorífica co cadro La clase de pintura, obra de xénero claramente feminino, onde retoma a influencia cromática de Fenollera.

Moitos historiadores coinciden en que a súa obra mestra é La cena del campanero (1923), unha escena de costumes nocturna, cun certo luminismo sorollesco, e inspirada na obra Los jugadores de naipes de Gerrit Van Honthorst, coñecido co nome de Gerardo della Notte. Elvira Santiso coñecía esta obra porque o Museo del Prado tíñaa prestada en depósito á Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela. Estas características determinarán a súa obra posterior, que seguirá polo camiño do costumismo.

Despois da Guerra continuou pintando, pero con menor calidade, posto que unha enfermidade afectaba a súa pincelada. Morreu en Santiago de Compostela en 1961.

Galicia Arte. Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigra Trea, Vigo, 2003.

Pintores Composteláns. Historia e renovación entre os séculos XIX e XX (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2004.

SARMIENTO, R.: "Da arte inexistente ás imaxes de muller", en A arte inexistente. As artistas galegas do século XX (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

Ver menos