Equipo Crónica, 

  (Valencia  1965 - Valencia  1981)
  Alias: Equipo Crónica

O particular modo de ver a historia da arte, a sociedade e a política, converteron ao Equipo Crónica nunha das propostas máis importantes na arte contemporánea española.

Constituíronse en 1965, cando os pintores valencianos Rafael Solbes, Manolo Valdés e Joan-Antoni Toledo presentaron varias obras asinadas como Equipo Crónica no XVI Salon de la Jeune Peinture de París. Ao ano seguinte inauguraron en Reggio Emilia (Italia) a primeira exposición individual, xa sen Toledo nas súas filas, quedando definitivamente conformado por Solbes e Valdés.

Dende un primeiro momento o traballo do Equipo Crónica tivo gran repercusión, con exposicións en Bilbao, Sevilla, Valencia, Madrid ou Barcelona. No estranxeiro participaron en exposicións colectivas, especialmente en galerías de Alemaña, Suíza, Holanda ou Francia, onde chegaron a expoñer coa renomeada galería Stadler de París e en importantes museos. A súa obra articulouse en series que mostraban completas que preparaban para cada unha das súas exposicións, entre as que destacaron nestes primeiros anos La recuperación (1968) ou Guernica (1969), e máis adiante Autopsia de un diseño (1971), Serie Negra (1972) e Ver y hacer pintura (1975), nas que traballaron con imaxes xa coñecidas, xa fosen fotografías ou cadros, nos que interviñan dándolles un novo sentido.

O seu labor non se limitou ao mundo das súas exposicións, senón que exerceron de animadores en eventos culturais, como nos Encuentros de Pamplona de 1972 xunto a Zaj e John Cage. En 1978 asinaron un contrato coa galería Maeght, expoñendo a serie do Billar. A morte de Solbes en 1981 supuxo a fin do Equipo Crónica, e o inicio da traxectoria individual de Manolo Valdés.(´José I. Abeijón-Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos 

Obras do artista