Criado Martín, Felipe

  (Gijón  1928 - A Coruña  2013)
  Web artista: http://www.felipecriado.es/

Naceu en Xixón en 1928 e debido á profesión do seu pai, a familia sofre varios desprazamentos: Cataluña, Santander, Ourense, e aséntase definitivamente en Santiago de Compostela, onde realiza os seus estudos de bacharelato. No ano 1954 ingresa na escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid, carreira que remata en 1959.

Colabora como crítico de Arte no xornal La Noche, no ano 1961 gaña a cátedra de Anatomía Artística na Escola de Artes e Oficios de Santiago e dous anos máis tarde a Cátedra de Debuxo de Institutos de Ensino Medio, actividade docente que realizará en Santiago e posteriormente na Coruña, ata o momento da súa xubilación.

Ao longo da súa traxectoria realizou gran cantidade de exposicións individuais e colectivas, tanto en Galicia (Museo do Pobo Galego, Caixa Galicia, Concello da Coruña, Galería Ceibe, Banco Simeón, Sala Giannini, etcétera) como noutras cidades españolas e estranxeiras (Madrid, Málaga, Oviedo, Huesca, Xixón, Barcelona, Los Ángeles, California, Santiago de Chile, Río de Xaneiro, etcétera).

En 1996 ingresa na Real Academia de BB.AA. Nuestra Señora del Rosario de Galicia, co seu discurso Do subconsciente cognitivo á expresividade plástica, a través da memoria, como un exercicio de introspección sobre a guerra civil, a través da nítida mirada dun neno, que viviu o bombardeo de Santander.

En toda a obra pictórica de Felipe Criado, subxace un extraordinario dominio do debuxo, sobre o que el asenta un mundo de imaxes que en escorzos e arabescos, na metamorfose das formas e os signos, sintetiza a materia e o espírito.

Na súa pintura trata de equilibrar a realidade e a fantasía dos soños, o mundo tanxible das súas figuras, case sempre femininas, e o mundo irreal do abarcable só coa imaxinación e a forza dos sentidos máis primarios.

A súa obra forma parte dun gran número de Coleccións e Museos, tales como o Museo Provincial de Lugo, a Colección Deputación da Coruña a Real Academia Galega de BB.AA., o Museo de O Castro, o Parlamento de Galicia, o Museo de BB.AA. da Coruña, o Museo do Debuxo "Castillo de Larres" en Huesca, etcétera.

Ver menos