Léger, Fernand

  (Argentan  1881 - Gif-Sur-Yvette  1955)

A chegada de Fernand Léger a París coincidiu co seu achegamento ao mundo da arte. Aínda que non foi admitido na escola de Belas Artes, compaxinou a súa aprendizaxe por libre co seu traballo de delineante nun estudio de arquitectura. O contacto con Cézanne e o primeiro cubismo decantaron a evolución da súa arte, logrando en 1910 expoñer xunto a Picasso e Braque na galería de D. H. Kahnweiler.

As primeiras obras de Léger partiron do impresionismo para dar paso a un persoal cubismo. A partir de 1912 Delaunay influíu fondamente na súa obra ao utilizar as cores puras, creando composicións de fortes contrastes con tendencia á abstracción que á súa vez, ían adquirindo un maior ritmo e dinamismo.

Despois da Guerra, as figuras e obxectos representados nas súas obras caracterizáronse polas súas formas tubulares e maquinistas. Na década dos trinta comezaría o seu achegamento a Estados Unidos, onde expuxo en 1935 no MoMA de Nova York e no Art Institute de Chicago. Tamén durante eses anos impartiu clases na Universidade de Yale ata o seu regreso a Francia en 1945. En 1955, ano do seu falecemento, gañou o gran premio da Bienal de Sao Paulo. A súa extensa produción abarcou distintos materiais, técnicas e soportes como foron os murais, vidreiras, mosaicos, cerámica, a ilustración de libros e o deseño de decorados e vestiario para cine e teatro.( José I. Abeijón- Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos