Braque, Georges

  (Argenteuil-sur-Seine, Francia  1882 - París  1963)
  Movimiento/Escuela: Cubismo

Georges Braque é un pintor fundamental do século XX, ao ser, xunto a Picasso, o inventor do cubismo. Aos oito anos trasladouse a Le Havre, en Normandía. Alí coñeceu a Raoul Dufy e comezou a interesarse pola pintura, tanto que en 1900 estaba xa en Montmartre onde tomou contacto coa arte moderna. Durante estes primeiros anos quedou moi impresionado pola pintura dos fauves, e comezou a aplicar as cores puras, como se ve nas súas obras realizadas en 1906 en L’Estaque. A influencia fauvista remitiu ao ano seguinte e foi deixando paso aos volumes de Cézanne, xusto no momento que coñeceu a Picasso, quen lle presentou ao seu marchante, Kahnweiler. A unión de Picasso, Braque, Kahnweiler e o influxo de Cézanne propiciaron a chegada do cubismo. Picasso e Braque víronse durante varios anos case a diario, e xuntos, a partir de 1909, comezaron a realizar cadros dentro do chamado cubismo analítico e, dende 1913, dentro do cubismo do sintético, establecendo unha relación artística e de amizade que durou ata a Primeira Guerra Mundial. Tras a Guerra, Picasso e Braque tomaron camiños diferentes. Braque abandonou pouco a pouco o cubismo estrito, realizando unha pintura máis pura e ornamental.

Tematicamente as naturezas mortas foron dando paso a outros asuntos, como a figura humana, a paisaxe e os interiores, que nos anos 50 se converteron na súa famosa serie dos Ateliers. Nesa mesma época apareceron por primeira vez os paxaros na súa pintura, que se converteron nun dos elementos máis recoñecibles da última etapa pictórica do artista. Braque faleceu en París en 1961, pouco despois de que o Louvre lle organizase unha exposición individual, a primeira que dedicou este museo a un artista vivo. (José Ignacio Abeijón-Miriam Sainz de la Maza)

Ver menos 

Obras do artista