Metzinger, Jean

  (Nantes  1883 - París  1956)
  Alias: JEAN METZINGER

Jean Metzinger é un dos personaxes que máis se identifican co cubismo, tanto pola súa traxectoria artística, onde sempre estivo presente, como polos seus escritos. O que nin Picasso nin Braque teorizaron, fíxoo Metzinger xunto ao pintor Albert Gleizes, con quen escribe na temperá data de 1912 “Du Cubisme”. A súa carreira comezou nove anos antes, cando en 1903 se trasladou dende Nantes a París. Durante os primeiros anos a súa obra evolucionou dende o neoimpresionismo ao fauvismo, ata que en 1906 se instalou en Montmartre, e grazas a Max Jacob entrou en contacto con Apollinaire, Picasso, Braque e o universo cubista. Dende aquela xa non saíu de aí, participando en exposicións con eles e acollendo novos adeptos, como Léger ou o seu gran amigo Gleizes. En 1911 foi un dos artífices da Sala 41 do Salón dos Independentes, considerada como a posta de longo do cubismo. Foi un dos poucos cubistas que, ao participar case dende o principio, pasou por todas as súas fases, dende a analítica, ata a sintética, cousa rara, porque a maioría dos artistas, cando coñeceron o cubismo, xa estaba pasando á etapa sintética.

Durante a primeira Guerra Mundial Metzinger comezou a expoñer en L’Effort Moderne, a galería de Léonce Rosenberg, que durante ese período, grazas á fuxida dos marchantes Wilheim Uhde e Kahnweiler, converteuse no principal representante de galería dos cubistas. A fin da guerra trouxo con ela a chegada da nova figuración, á que Metzinger non foi alleo, incorporándoa ás súas composicións cubistas; o mesmo pasa nos anos 30, cando en pleno auxe do surrealismo sufriu a súa influencia, que remitiu anos despois, volvendo ao cubismo máis estrito que levou a cabo ata o seu falecemento.(José I. Abeijón-Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos