Oteiza, Jorge

  (Orio  1908 - Donosti  2003)
  Alias: Oteiza, Jorge

Jorge Oteiza é un personaxe fundamental na arte do século XX, onde a súa obra escultórica e teórica serviu de inspiración a grandes escultores tanto españois como estranxeiros. En 1927 trasladouse a Madrid para estudar medicina, estudos que abandonou en 1929 para centrase na arte. Tras intentar formar un fronte de artistas vascos de vangarda xunto a Balenciaga e Lekuona, en 1935 viaxou a Latinoamérica, onde permaneceu ata 1948, residindo en Arxentina, Chile, Colombia e Perú, onde continuou traballando en diferentes proxectos artísticos.

Á súa volta a España, e durante os anos 50, desenvolveu unha intensa actividade, converténdose nun dos principais animadores da escena cultural nacional. A súa escultura evolucionou dende a figuración próxima a Henry Moore ata a escultura xeométrica; participou en importantes exposicións como Cuatro Escultores Abstractos (1950), Arte Fantástico (1953), Arte Abstracto (1955) e Blanco y Negro (1959); realizou importantes proxectos escultóricos ligados á arquitectura, destacando a Basílica de Aránzazu (1953-1969). Desenvolveu un intenso labor como ensaísta e colaborou con grupos artísticos, como o Equipo 57, do que se desligou pronto, e con Néstor Barrenetxea no Equipo Forma.

No 1957 expuxo na Bienal de Sao Paulo onde gañou o Gran Premio de Escultura. Gran parte desta actividade pechouse en 1959 cando decidiu deixar a escultura, concentrándose no ensaio e pensamento que desenvolveu en dúas direccións: a arte e o nacionalismo vasco. En 1972 volveu momentaneamente á escultura, retomando o Laboratorio de xis, e participou en importantes exposicións, como as Bienais de Venecia de 1976 e 1988, ou a gran exposición antolóxica que lle dedica a Caixa de Cataluña en Madrid e Barcelona e o Museo de Bellas Artes de Bilbo en 1988.(José I. Abeijón-Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos