Martínez Gonzalez, José Eduardo (Chelín)

  (A Coruña  1945 - )
  Alias: Chelín

Naceu na Coruña en 1945 e dende curta idade sentiu atracción polo debuxo. A súa paixón polo mar fixo que o artista iniciase os estudos para ser mariño mercante, pero abandonounos pronto. Formou parte do Ballet Galego do Rei de Viana e con este grupo viaxou por Europa e América. De volta á Coruña decidiu dedicarse plenamente ao mundo da arte.

En  Madrid  ingresa na Escuela de  Bellas Artes de San Fernando, ademais de asistir aos cursos do Círculo de Bellas Artes. Alí trabou amizade con novos creadores como Jun Vasco e Zapata. Con eles coñeceu os ambientes artísticos de Madrid e xuntos decidiron marchar a París en buscas de novos coñecementos e experiencias. Degraciadamente un accidente de tráfico volvendo á Coruña acabou coa vida dos seus amigos. Despois deste tráxico suceso, Chelín regresou á súa cidade natal coa firme convicción de seguir pintando a pesar do gran golpe sufrido.

En Galicia encontrou un clima de modernidade, en medio da transición democrática, que deu lugar a que moitos artistas se reunisen en colectivos para aunar as súas inquietudes. Chelín foi membro fundador de dous colectivos artísticos que xorden na década dos setenta e que orientan os seus esforzos cara o deseño dunha estratexia cultural: A Carón e Galga. Estes grupos naceron a mediados dos anos 70 cunha implicación sociopolítica moi marcada e propoñían un novo código deontolóxico fronte aos "mercaderes de arte " non só para entender, senón vivir a arte dende un sentido ético, honesto e sincero. Pertenceu tamén ao colectivo "Sisga", xurdido en 1978 e  relacionado coa loita dende posturas comprometidas a partir dun proxecto en común que desbloquease a falta de información que afecta á cultura galega tradicionalmente. Estes grupos marcaron unha importante referencia na cidade e disolvéronse a principios dos anos oitenta coa aparición de Atlántica. 

A obra de Chelín móvese case sempre no ámbito da abstracción. A súa pintura é intuitiva e de complexidade experimental. Toma como referencia as experiencias mediterráneas e do propio interior de Galicia, sempre ligadas ao mar. Escenarios para o refuxio e a reflexión que lle proporcionaron calma e ímpeto para seguir creando. 

A súa obra expúxose en varias cidades españolas, europeas e americanas. Gañou o premio Díaz Pardo durante os anos 1998-1999-2000. A súa obra está exposta en diferentes museos como o de Sada, Bello Piñeiro de Ferrol, Fundación Mendoza de Caracas e León, etcétera. 

Galicia Arte.Tomo XVI. Arte Contemporánea II, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

SEOANE, X: Reto ou rendición, Ediciós do Castro. Luzes de Galicia Arte, O Castro, Sada, A Coruña, 1994.

SOBRINO MANZANARES, M.L: La Edad Contemporánea , en Historia del Arte Gallego, Alhambra, Madrid, 1982. 

Ver menos 

Obras do artista