Sicilia, José Mª

  (Madrid  1954 - )

Abordar a obra e traxectoria dun autor como José María Sicilia (Madrid, 1955) supón achegarse á figura dun dos artistas españois vivos máis recoñecidos internacionalmente, recordado para sempre coma vértice indispensable dos creadores máis prestixiosos da xeración creativa dos anos oitenta xunto a José Manuel Broto, Barceló, Ferrán García Sevilla ou Miguel Ángel Campano. A súa obra, como o da súa paisaxe colectiva desa época, significouse nunha volta á conexión coas correntes da tradición informalista, abstracta e neoxpresionista, na vontade de ofrecer unha reivindicación programada da pintura de valores e tradición.

Sicilia, tras abandonar os estudos de Belas Artes na Escuela de San Fernando en Madrid, marcha a París onde inicia a súa carreira profesional determinada por un espírito experimental de marcada etiqueta expresionista que se traducía asemade ao tempo na paixón por calquera medio técnico potencialmente expresivo, traballando no eido gráfico co fotogravado, gravado ao carborundo, litografía ou xilografía, realizando nesta cidade as súas primeiras exposicións en espazos como a Galerie Gaston-Nelson en 1982. Mentres tanto, segue mantendo a súa vinculación con España, expoñendo no ano 1984 na xa paradigmática galería madrileña Fernando Vijande.

En 1985 trasládase a Nova York onde reside poucos anos, iniciando unha nova e decisiva etapa, na procura dunha pintura máis intimista e concedéndolle especial atención ás cuestións cromáticas e de captación da luz nas superficies dos cadros. Nestes anos expón na galería Blum Helman e forma parte da exposición 5 Spanish Artists en el Artist´Space, consagrándose definitivamente no circuíto artístico internacional. Significa un momento onde a súa obra experimenta unha nova ordenación estrutural da pintura, que o leva a unha maior simplicidade nas formas e nos empastes; unha esencialidade que lle permite afondar nos valores monócromos e de texturas que relacionan ao xeometrismo e á poética suprematista de Mondrian ou Malevich. Este tránsito da figuración á abstracción radical, como en moitos dos autores desta época, concrétase na elección de motivos naturais que irá disolvendo primeiro na serie Tulipanes e máis tarde na serie Flores, desenvolvida a partir de 1985 cando radicaliza a súa abstracción.

Tras a estancia en América regresa a París, continuando e definindo esta actitude esencialmente contemplativa, de continua investigación do proceso pictórico e da experimentación co material dende as coincidencias formais de luz e sombra, o silencio, a interiorización ou a cor branca como busca de todos los colores, que o achega a un recoñecido misticismo. Unha complexa produción creativa que na actualidade se presenta de plena actualidade, nunha progresión de canles desde a pintura de programa, sen esquecer a emotividade lírica da expresión, nesa argumentada progresión desde a contemplación e a ollada analítica.

Na súa dilatada traxectoria abrangue proxectos expositivos nos máis destacados espazos das principais cidades europeas e americanas; Lisboa, Atenas, Colonia, Budapest, Boston, Nova York, Madrid, París ou Valencia, sendo eloxiada en numerosos premios e galardóns, como en 1989 ao recibir o Premio Nacional de Artes Plásticas do Ministerio de Cultura de España; ademais de estar presente a súa obra nas máis destacadas coleccións públicas e privadas de arte contemporánea da península.

Ver menos 

Obras do artista