Vida, Juan

  (Granada  1955 - )

Comezou debuxando dende moi novo e a súa precocidade levouno a celebrar a súa primeira exposición aos trece anos no Centro Artístico y Literario de Granada, con obras que se encadraban dentro do realismo social. Na súa cidade natal frecuentaba os ambientes intelectuais, como o Café Suízo, relacionándose cos artistas e literatos locais, destacando a súa amizade co escritor Antonio Muñoz Molina. A principios dos oitenta realizou algunhas obras abstractas, seguindo o ronsel de José Guerrero, entón referencia da vangarda artística granadina. Coñeceu así a pintura dos expresionistas abstractos americanos e empezou a investigar o campo da mancha e da pintura pura e xestual.

En 1983 regresou ao realismo e á súa preocupación polo debuxo coa serie "Iré a Santiago ", inspirada no poema "Son de Cuba", que pecha Poeta en Nueva York. A partir deste momento comezou a combinar unha pintura xestual e de campos de cor, co debuxo e a liña, irmandando dous ámbitos que parecían irreconciliables. As figuras sitúanse sobre fondos de cores líquidos, facendo que o concreto flote sobre a densidade do abstracto, sen máis referencia á realidade que a súa propia presenza. Nos últimos anos a súa obra volveuse máis sombría e melancólica. A súa paleta deixou paso aos tons ocres, grises, pardos, amarelos e azuis, cos que crea escenas que flutúan entre o onírico e a realidade máis inmediata. O debuxo foi substituído paulatinamente pola fotografía, convertendo os seus cadros en colaxes onde elementos descontextualizados se introducen en paisaxes desolados, creando obras de resultado inquietante nas que a vida moderna se nos ofrece de forma fragmentada. 

Esta descontextualización dos temas supón tamén un reformulación da relación tempo- espazo. A transgresión da orden proporcional entre os elementos figurativos e a falta de referentes a un mundo real provocan unha sensación de desacougo e de ameaza que lembra as obras de Magritte, onde os elementos cotiás se transforman en fantasmas doutro tempo. A presenza dunha acción suspensa, que provoca unha sensación de inminencia, de atoparnos no preludio dunha acción inquietante, tamén remiten á obra do surrealista francés. En palabras de Justo Navarro: "como la pipa de Magritte, la pipa que no es una pipa (los objetos de las obras de Juan Vida) dicen: esto no es un caballo, un bañista, un automóvil..." 1; trátase dun acto de denuncia do ilusionismo pictórico que se fai extensible ao ilusionismo da vida posmoderna.

 A volta ao realismo social levouno a formular na súa obra a crítica a dous aspectos fundamentais: o compromiso coa sociedade e a historia e, polo tanto, o papel da arte e do crítico na engranaxe social. O resultado é unha obra estética cargada de ironía que lle pide ao espectador uns momentos de reflexión2. Os seus cadros están plagados de elementos da vida cotiá, que posan para o artista, que contrapón o día a día da burguesía (casera) ao día a día natural (externa), representadas mediante animais e personaxes de dúas clases: a burguesa e a obreira, combinados nunha produción onde o intimismo autobiográfico comparte protagonismo co mundo externo.

1NAVARRO, JUSTO: "Juan Vida pinta la memoria ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, novembro, 2003, pág. 13. (Texto publicado no catálogo da exposición celebrada na Caja de Ahorros de Antequera de Málaga, entre marzo e abril de 1991).

2CAÑAS, DIONISIO: "Paso de cebras: la pintura de Juan Vida ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, noviembre, 2003, pág. 17. (Texto publicado no catálogo da exposición celebrada na Galería Afinsa de Madrid, en maio de 1989).

BONET, JUAN MANUEL: "De la amistad y la pintura", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, noviembre, 2003. (Texto tomado do catálogo da exposición Vida en el campo, celebrada na Galería Almirante de Madrid en febreiro de 1994).

CAÑAS, DIONISIO: "Paso de cebras: la pintura de Juan Vida ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto tomado do catálogo da exposición celebrada na Galería Afinsa de Madrid entre maio e xuño de 1989).

GRANDES, ALMUDENA: "El rostro de la inquietud ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto publicado no catálogo da exposición Deux par deux celebrada na Galería Fleuve de París entre os meses de marzo e abril de 1995).

GARCÍA MONTERO, LUIS: "Las alas de Ícaro ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto tomado do catálogo da exposición celebrada na Galería Afinsa de Madrid entre maio e xuño de 1989).

MARESCA, MARIANO: "El mundo que pasa ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto tomado do catálogo da exposición celebrada na Caja de Ahorros de Antequera, Málaga, entre marzo e abril de 1991).

MUÑOZ MOLINA, ANTONIO: "De la amistad a la pintura ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto publicado no catálogo da exposición Vida en el campo celebrada na Galería Almirante de Madrid en febreiro de 1994).

NAVARRO, JUSTO: "Juan Vida pinta la memoria ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto tomado do catálogo da exposición celebrada na Caja de Ahorros de Antequera de Málaga entre marzo e abril de 1991).

SOLANA, GUILLERMO: "Animal en lo blanco ", en Juan Vida. Pintura 1987- 2002, Sala Maruja Mallo, Ayuntamiento de las Rozas, novembro, 2003. (Texto publicado no catálogo da exposición Naturalezas alrededor de una habitación, celebrada na Galería Almirante de Madrid en maio de 2000.).

Ver menos