Paz, Manolo

  (Cambados, Pontevedra  1957 - )
  Web artista: http://www.fundacionmanolopaz.org/

Estudou na Escola de Artes e Oficios "Maestro  Mateo" de Santiago de Compostela entre os anos 1978 e 1979. En 1980 traballou como profesor na Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra). 

As súas primeiras obras encádranse nunha linguaxe centrada no dominio do espazo e o espazo aéreo. Na serie Satélites de 1983 o artista emprega materiais como o formigón e procesos de encofrado en ensamblaxes fragmentarios de aire industrial. Este mesmo ano, unha breve estanza en Nova Iork permitiulle tomar contacto coas novas tendencias a través das visitas ao MOMA e outros centros de arte de vangarda. Á volta da viaxe pasou do "satélite ao monolito", segundo as súas propias palabras, dándolle máis importancia á terra que aos conceptos espaciais.  Dende este momento a súa obra céntrase en reflexións sobre o valor da cultura autóctona, os seus  símbolos, os seus signos, o seu material (en pedra, granito) e o seu diálogo coa memoria do lugar onde se van a colocar.

No ano 1984, a súa participación nas exposicións “Encontros no Espacio” e “Imágenes  dos Oitenta” chamou a atención do galerista madrileño Fernando Vijande.  Paz empezou a expoñer nas súas galerías entrando a formar parte dos circuítos nacionais de arte e participando en feiras e exposicións colectivas no estranxeiro.

Na obra de Manolo Paz conviven os rudimentos do oficio da cantería e a conciencia dunha autonomía artística que propón unha relectura da pedra como material de significación propia. Os seus monolitos ou menhires, están ligados ao subconsciente colectivo ancestral, o escenario da natureza con ou sen o contacto do home e enraizados, dalgunha maneira, coa cultura Celta. Exemplo diso é a peza chamada Áncora, que fai referencia ao mundo neolítico pero retomado na tradición antropolóxica e artesanal coa que estes útiles seguen estando presentes na cultura galega do momento. Obxectos que o artista coñece pola súa íntima relación co mar.

Paralelas ao discurso intrahistórico están as realidades materiais, o enfrontamento do artista coas posibilidades expresivas da pedra. A talla directa artesanal busca os contrastes da superficie rugosa e os interiores pulidos e traballados.nos que asoman novos cromatismos. O aspecto macizo e pesado alixeirase polo asentamento vertical da peza e as perforacións e molduras na súa parte superior.

En 1986 combina a madeira coa pedra. A madeira preséntase como peaña, alcanzando tal grao de integración , de asimilación de temperaturas no tratamento rudimentario de ambos materiais que as esculturas aprécianse como un todo no que os materiais comparten o seu protagonismo.  Estas  pezas inciden no valor totémico do tronco de madeira que se bifurca no bloque de pedra. Nestas pezas predomina unha estética ascensional relacionada coa verticalidade do corpo, do tronco antropomórfico, non exento de connotacións fálicas, evidentes en pezas como Sipotes (1986). 

Nas obras de 1989, entran en xogo factores máis racionalistas, de equilibrios, tensións e volumes, de estabilidades horizontais, e consecución dun espazo relaxado arredor de moles líticas en detrimento do límite da admiración que impoñen os fitos verticais anteriores.  A xeometrización máis radical e o abandono do emotivo derivado dos procesos artesanais substitúese de aquí por cortes de maior énfase industrial dos bloques de granito.

 En 1992 consegue a "Bolsa Unión Fenosa de Creación Artística en el Extranjero" e regresa a Nova Iork. Agora deixa a artificialidade da base e opta por unha posta en escena máis natural das súas pezas, ben como unha instalación ou illadas unha vez que reconsidera o lugar específico. En Nova Iork traballa nunha alternativa á talla directa e ao granito, realizando esculturas ensambladas de base xeométrica e construtivista, con toques neo-pop. Tamén experimenta co metal. Quizais a transformación máis decisiva foi o ensamblaxe orgánico das estruturas fragmentadas de granito. Estas pezas aséntanse directamente no chan e explicitan o debate entre natureza e cultura, confrontando o material e a súa presentación.

A obra de Manolo Paz forma parte de importantes museos e coleccións privadas e institucionais como a Fundación ICO, o Museo de Duisburg de Alemaña, Fundación Oriente en Lisboa o Museo Unión Fenosa de A Coruña, o Parque escultórico Namakunay (Japón) e a Colección de arte ABANCA (A Coruña). 

AMARO, C: Longo dia de pedra. A Nosa Terra.

Artistas Galegos: escultores (expresionismos-abstraccións). Manolo Paz, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2003.

BONITO OLIVA, A.: Teoría entre bastidores: trama española. Ateliers Roma-Compostela, Consellería de Cultura e Deportes, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989

BONITO OLIVA, A: A Arte, a linguaxe: diferencias e relacións, Imaxes dos 80 desde Galicia, Consellería de Educación e Cultura, Santiago, 1984.   

BARRO, D.: "Manolo Paz. Esculturas", en El Cultural, 28 de novembro de 1999. 

CALVO SERRALLER, F.: "Evocación perversa de lo primitivo ", en El País, 20 de outubro de 1984.

CASTRO. F.: Un lugar en la tierra , Concello da Coruña, A Coruña, 1999.

CASTRO, X.A.: Despois de Atlántica, Ateliers Roma - Compostela, Consellería de Cultura e Deportes, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989. 

CASTRO, X.A.: Expresión Atlántica. Arte galega dos 80, Editorial Follas Novas, Santiago, 1985.

CASTRO/SOBRAL: Escultores galegos dos oitenta, Encontros no Espacio, Consellería de Educación e Cultura, Xunta de Galicia, Santiago de Compotela, 1989.

CASTRO, X.A.:  Maís aló do espacio profano (catálogo), Espacio Santiago Corbal, Pontevedra, 1991.

CASTRO, X.A.: Un breve recorrido escultórico polo noso século, Atlántica, Santiago de Compostela, 1983.     

CORREDOIRA, P.: Pintura galega dos oitenta. A outra imaxe, Imaxes dos 80 dende Galicia, Consellería Educación e Cultura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1984.

CORREDOIRA, P: A toda tela (catálogo), Consellería de Educación e Cultura, Santiago de Compostela, 1985.

Cuatro artistas de Galicia. Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Manolo Paz (catálogo), Fundación BBK, Bilbao, 1997.

GARCÍA, A.: Onte e hoxe do século XX, Bienal Nacional de Arte, Pontevedra, 1985.

GOMEZ ALEGRE, A., en Pharo de Bego, 27 de abril de 1985

"Gran antológica sobre la escultura española ", en El Punto de las artes, xaneiro, 1993.   

GUISASOLA, F.: Arte joven hoy , Muestra de arte joven, Ministerio de Cultura, Madrid, 1986.  

HUICI, F.: "Corazón de piedra ", Deputación de Pontevedra, 1995.

LÓPEZ CALVO, X.R. / CERVEIRA PINTO : Litoral (catálogo), Concello da Coruña, A Coruña, 1986.

Manolo Paz (catálogo), Becas de Creación Artística en el Extranjero Unión Fenosa, Madrid, 1994.

OLIVARES, R.: "Manolo Paz", en Lapiz, xaneiro 1991.

PAZ BARROSO, E.: Una antigua armonía , Manolo Paz, Sala de arte Nicanor Piñole, Xixón, 1988.

Pintores e Escultores Galegos na EXPO'92 (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1992.

RUÍZ DE SAMANIEGO, A.: Manolo Paz y el sueño de Jacob (catálogo), Museo de Barjola, Servicio de Publicaciones del Principado de Asturias, 2000.

SEOANE, X.: Mundos (catálogo), Consellería de Cultura y Deportes, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989

SEOANE, X.: A transcendente presenza de Manuel Paz, Galería Soloarte, A Coruña, 1991.

SOBRAL, A.: Momento actual da nova escultura galega, Imaxes dos oitenta dende Galicia, Consellería de Educación de Educación e Cultura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1984. 

Vinte anos, vinte escultores. Galicia Escultura (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2002.

VOZMEDIANO, E.: La vida de las piedras (catálogo), Concello da Coruña, A Coruña, 1999. 

Ver menos