Suárez Molezún, Manuel

  (A Coruña  1920 - Madrid  2001)
  Alias: Molezún
  Movimiento/Escuela:

Naceu na Coruña, aínda que se trasladou coa súa familia a Madrid cando tiña só oito anos. Estudou Medicina exercendo a profesión ata 1955, ano no que colgou a bata branca para dedicarse por enteiro á pintura. Así mesmo foi un atleta destacado, campión de España en 110 metros valos e chegando a participar nas Olimpiadas de 1948, celebradas en Londres.

A súa actividade artística arrancou participando en concursos universitarios. En 1953 gañou o primeiro premio de acuarela nun concurso de colexios maiores universitarios, e obtivo unha bolsa de estudos do Ministerio de Educación coa que marchou a Roma. A estanza nesta cidade provocou unha decisión cada vez máis firme de dedicarse ao mundo das artes, no que experimenta coa acuarela, a vidreira e a estampación en tecido.  

En 1954 gañou o Gran Premio da Trienal de Milán polo deseño do Pavillón Español xunto ao escultor Amadeo Gabino e o arquitecto Vázquez Molezún. O traballo consistía nunha perfecta integración de arquitectura, interiorismo, pintura, escultura e xoiaría. Neste ano participou tamén na Bienal do Mediterráneo en Alexandría, e a súa obra expúxose por primeira vez na sala da Dirección General de Bellas Artes de Madrid.

Nos anos seguintes participou en numerosas exposicións colectivas e en concursos de deseño. En 1956 gañou a medalla de ouro da Bienal Kirchlicher der Gegenwart de Salzburgo, Austria, o que propiciou que a súa obra empezase a ser coñecida por Europa. En 1958 gañou o concurso para a decoración do Pavillón de España da Expo de Bruxelas.

A súa primeira exposición importante foi na Sala Prisma de Madrid, na época na que se estaba xestando a súa linguaxe persoal, o Neocubismo. En 1962, na tamén madrileña Sala Nebli o artista presentou unha serie chamada Ibiza  na que mostra unha formulación abstracta baseada na estruturación do espazo a partir da xustaposición de liñas e planos de cromatismo sobrio, nos que se describen veladuras e transparencias de mancha ampla en contraste coa caligrafía do xesto. Neste momento Molezún trata de definir unha maneira de facer máis afastada do dramatismo esaxerado do expresionismo abstracto, inclinándose por unha pintura plana, desprovista de toda carga ideolóxica . 

Tras a exposición na Sala Nebli a súa actividade expositiva aumentou considerablemente. Participou en 1963 na Bienal de São Paulo e en 1964 realizou un mural de cemento e vidro para o Pavillón de España na Feria Mundial de Nova Iork. Tamén expuxo na Sala Grises de Bilbao (1967), en Pictura, Groningen (Holanda 1970), e na Galería  Juana Mordó de Madrid (1971), entre outras. En 1971 o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid  comproulle dúas obras para a súa colección permanente. 

En 1974 recibiu o encargo de realizar un mural para a sede madrileña da Fundación Juan March, que por aqueles tempos era a fundación cultural máis importante do país, e en 1977 gañou a medalla de plata na Bienal de las Artes en el Deporte celebrada en Madrid. A mediados dos setenta Molezún xa gozaba dun prestixio sólido. Logrou unha obra cun estilo e un proceso sumamente persoal, un estilo que el chamaba Neocubismo (dado que non se pode falar dun cubismo ao pé da letra xa que parte de formas abstactas), e que foi o fundamento en toda a súa obra. 

Co paso do tempo a abstracción de Molezún volveuse máis complexa, cunha sintetización dos obxectos, ata quedarse unicamente co esencial. Nesta época reforzou os elementos xeométricos e as liñas sometéronse a unha harmonía visual de carácter dinámico. O soporte empregado é a madeira, resaltando as calidades da súa textura. Nos anos 80 conseguiu unha praza na Facultad de Bellas Artes de Madrid. Seguiu traballando esencialmente con madeira, soporte que lle permitía intensificar o aspecto velado e transparente do espazo, aínda que tamén utilizaba o papel.  

Nos noventa opta por un certo barroquismo, incluíndo algún toque de color como trazos ao azar, o que contrasta coa orde na estrutura espacial propia da súa obra anterior. En 1992 celebrouse unha exposición antolóxica da súa obra no Centro Cultural Caixavigo, nove anos antes da súa morte. 

A súa obra forma parte das coleccións do  MNCARS (Madrid),  do Museo de Arte Abstracto (Cuenca), da Fundación Juan March (Madrid), da Colección de arte Afundación (Vigo), entre outras. 

AGUILERA CERNIi, V.: Panorama del nuevo arte español , Guadarrama, Madrid, 1966.

Artistas Galegos: Pintores (abstraccións-figuracións). Molezún, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.

CASTRO ARINES, J. de: Molezún (catálogo), Galería Alvar, Madrid, 1990.

GARCÍA TIZÓN, A.: El sincronismo pictórico en la obra de Molezún, 1976.

Molezún, exposición antológica. Grandes artistas gallegos (catálogo), Caixavigo, Vigo, 1992.

Molezún, retrospectiva (catálogo),  Concello de A Coruña, Kiosko Alfonso, A Coruña, 1996.

I Mostra Unión Fenosa, A Coruña 1989.

PABLOS, F: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias/La Pintura en Galicia. Del XVII  a las últimas tendencias, Edicións Nigratea, Vigo, 2003.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PORTELA, A.: Molezún (catálogo), Sala Luzán, Caja de Ahorros de la Inmaculada, Zaragoza, 1979.

ROZAS, M. y GONZÁLEZ ALEGRE, A.: Trazos e Camiños, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

Ver menos