Chagall, Marc

  (Vitebsk, Rusia  1887 - Saint-Paul-de-Vence, Francia  1985)
  Alias: Marc Chagall

Con tan só nove anos, Chagall comenzou o seu contacto ca arte no obradoiro dun pintor da súa cidade natal. Ao ano seguinte instalouse en San Petersburgo, onde traballou no obradoiro de Léon Bakst, que fora decorador dos Ballets Rusos. En 1910, grazas á axuda do mecenas Vinaver puido realizar a súa primeira viaxe a París. Instalouse nun dos obradoiros de La Ruche, onde fixo amizade con Delaunay, Max Jacob, André Salmon ou Guillaume Apollinaire quen escribiría en numerosas ocasións sobre el. Expuxo daquela no Salón dos Independentes, realizando a súa primeira exposición individual na galería berlinesa Der Sturm.

O estoupar a I Guerra Mundial regresou a Vitebsk onde anos despois foi nomeado director da Escola e comisario de Belas Artes, pero as súas discrepancias estilísticas con Malevich inducírono a abandonar a escola. Trasladouse entón a Moscova onde permaneceu ata 1923, cando abandona definitivamente Rusia. Tras unha estancia en  Berlín viaxa a París, onde o marchante Vollard lle encargou ilustrar varios libros. En 1926 tivo lugar a súa primeira exposición en Nova York, cidade onde se refuxiou a causa das súas orixes xudías. Anos despois, o MoMA celebraría a súa primeira gran retrospectiva.

Tras a guerra regresou a Francia, onde se estableceu definitivamente na Provenza. Dende aquela e ata a fin da súa vida, levou a cabo numerosas exposicións e retrospectivas de carácter internacional así como relevantes encargos públicos. Ao longo da súa prolífica traxectoria artística, Chagall abordou diversas técnicas, dende a pintura aos gravados, ilustracións, murais, vidreiras, decorados, vestiarios teatrais, tapices ou mosaicos co seu particular e recoñecible estilo.

Durante toda a súa vida, Chagall foi un artista orixinal que non se adheriu a ningún movemento artístico, aínda que non por iso rexeitou determinadas influencias estilísticas. Nas súas obras Chagall parecía querer fuxir da realidade para somerxerse nun mundo de fantasía. Algúns, como Breton, incluso o consideraron como un predecesor do surrealismo. (José I. Abeijón- Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos