Blanchard, María

  (Santander  1881 - París  1932)
  Movimiento/Escuela: Cubismo, Nueva figuración

María Blanchard (María Gutiérrez-Cueto Blanchard) formou parte, por mérito propio, do eixe do cubismo xunto a Picasso, Braque, Gris, Gleizes, Metzinger, Rivera, Valmier, Lhote, Marcoussis e Lipchitz. Debido a un accidente durante a súa xestación, María Blanchard naceu cunha grave malformación de columna que a marcou fisicamente e psicoloxicamente toda a súa vida. Seu pai, director do diario Atlántico, ocupouse con esmero da súa educación, alentándoa a superar os seus problemas e animouna a dedicarse á pintura.

A nova artista trasladouse a Madrid en 1903 para completar a súa formación, sendo alumna de Emilo Sala, Fernando Álvarez Sotomayor e Manuel Benedito. Nestes anos en Madrid coñeceu o seu amigo Diego Rivera. Marchou cunha bolsa a París en 1909, cidade á que volveu en 1912, e entrou en contacto cos cubistas, estilo que non incorporou á súa pintura ata a súa terceira estancia en París a partir de 1916. Ademais de con Diego Rivera, estableceu amizade con Juan Gris, Jacques Lipchitz, André Lhote e Jean Metzinger. Expuxo na galería de Leonce Rosenberg, un dos grandes marchantes do cubismo, relación que se mantivo ata que en 1920 Blanchard expuxo no Salón dos Independentes de París La Comulgante (MNCARS, Madrid), unha obra absolutamente figurativa, que supuxo a ruptura co cubismo e con Rosenberg.

María Blanchard fixo borrón e conta nova, e comezou unha nova etapa vinculada á nova figuración, que avalada por Picasso dende 1917, invadiu Europa a principios dos anos 20, con movementos como La nueva Objetividad ou I Valori Plastici. A ruptura con Lèonce Rosenberg tivo como consecuencia a volta ás penurias económicas, que puido resolver momentaneamente grazas á axuda dos seus amigos Jean Grimar e Frank Flausch dende Bélxica, quen lle compraron obras e a promoveron neste país. Froito desta axuda foron dúas exposicións inauguradas en Bruxelas en 1923 e 1926 cuns catálogos que foron escritos por André Lhote e Waldemar George. En 1927 a morte de Flausch deixouna nunha difícil situación, que unido á súa mala saúde, propiciou que se fose encerrando cada día máis en si mesma, ata a súa temperá morte acaecida en París en 1932.

Ver menos