Díaz, María Xosé

  (Catoira, Pontevedra  1949 - )
  Movimiento/Escuela: Colectivo Remol de Cerámica Creativa, Grupo Nome
  Web artista: http://www.mariaxosediaz.es/

Naceu en Catoira (Pontevedra) no ano 1949. Cando tiña 21 anos marchou a Barcelona, instalándose no barrio industrial de Sagreda, algo que influirá no seu discorrer artístico e na súa búsqueda do natural como refuxio. Estudou pintura na facultade de Belas Artes de San Jordi, na época do despegue da arte informalista en España. A experiencia vivida na escola resultou insatisfactoria. Comenta sobre isto: "pasei catro anos pintando sen que sucedese nada interesante".

Alternou os seus estudos co labor docente que desempeñou no campo da plástica. Desbotou o debuxo e comezou a perfeccionar a técnica cerámica de maneira autodidacta. Nestes primeiros anos, contou co apoio da coleccionista de cerámica  María Teresa Pelauzzi, que lle presentou ao director do Museo de Cerámica de Barcelona, quen adquiriu unha das súas pezas. 

Á súa volta a Galicia, no ano 1982, contactou cono ceramistas como Caxigueiro, Miguel Vázquez e Emilia Guimeráns que, a causa da falta de formación e apoio institucional, se encontraba na súa mesma situación. Seguiu pendente do ambiente artístico catalán e aragonés e se esforzou por estar informada do discorrer de María Bofill ou Rosa Amorós. Tamén consultaba os premios de cerámica que se resolvían anualmente en Zaragoza.

Unha das súas preocupacións, nesta época, era reivindicar as prácticas e formas artesanais, dinamizar o mundo que xiraba en torno á cerámica e que tendía a desaparecer. En María Xosé existía ese sentimento profundo cara as orixes e as formas primixenias. En 1984 participou no I Seminario de Cooperación en Artesanía, e seguiu loitando por compaxinar o ambiente artístico, considerado demasiado sofisticado, e o artesanal. Non concibía o termo artista enfrontado ao de artesanal. 

Outra das súas preocupacións foi a de crear un colectivo capaz de activar a situación de desamparo na que se encontraba o noroeste peninsular. Parte deste labor desempeñouno como fundadora de diversos colectivos cerámicos e plásticos, como o Colectivo Remol de Cerámica Creativa, cunha vocación claramente plástica, do que tamén formaron parte Caxigueiro, Xavier Cuiñas e Otero Regal. Xuntos expuxeron na Sala da Deputación de Lugo.

Posteriormente colaborou co Grupo Nomedo que formou parte como única ceramista. Este colectivo, nacido en Santiago de Compostela, presentouse en público en Pontevedra, en 1986, coa intención de crear "unha estratexia de proxección fronte ás carencias do medio, coexistindo nel un rexistro variado de actitudes"1. Outros dos seus membros foron Morquecho, Xan Pardiñas, Lamela, Bibián e Quintana Martelo. Comenta ao respecto: "Demostramos que se podía traballar dende Galicia aínda que fose baixo a forma dun colectivo. Consideramos que, para este momento, o colectivo é a única forma de conseguir algo". 

Gradualmente foise afastando da cerámica utilitaria e do mundo artesanal. Pasou un ano inactiva e despois comezou a debuxar de novo. A partir dos anos 90 aumenta o comisariado de exposicións, que para María Xosé foi un acicate para seguir investigando e descubrindo novas posibilidades.

Realizou a súa primeira exposición na Sala Capitular do mosteiro de San Cugat (Barcelona) no ano 1980. As súas primeiras obras fundaméntanse en trazos e tramas que se superpoñen en capas, formando un compendio de formas vexetais moi ampliadas. Elementos naturais que se ordenan baixo a disciplina dunha xeometría de planos. Para realizar o seu traballo emprega lapis de diferentes durezas, cores pastel e medios tons conseguidos mediante transparencias e superposicións. 

A partir de aquí abandona o debuxo e introdúcese na elaboración da cerámica na que predomina unha concepción artesanal e funcional dos obxectos. A súa inspiración atópase na cerámica precolombina e a de Susa. En 1983 expúxose na Aula de cultura da Caja de Ahorros de Santiago de Compostela, nunha mostra onde os debuxos comparten espazo coas súas primeiras obras en cerámica, caracterizadas por formas xeométricas acentuadas, superposicións, transparencias e o emprego da escala de grises e brancos. No mesmo ano realizou a súa primeira exposición en Madrid, na Librería de Mujeres, onde só mostrou obras de cerámica. Agora as súas pezas tenden a individualizarse (cun pedestal único para cada unha delas), en formas vexetais e animais e motivos xeométricos seriados.

As seguintes dúas exposicións foron compartidas con Antonio Outeriño e Xavier Cuiñas. En 1988, o Colectivo de Cerámica Creativa Remol realizou a exposición "Tendencias: cerámica galega actual", en Santiago de Compostela e na Coruña. A finais dos 80, as obras adquiren un maior tamaño e prescinde do valor utilitario, centrándose nos compoñentes estéticos. Co Colectivo Nomebuscou a máxima expresividade dos materiais: pedras, teas metálicas ou conchas mariñas, e realizou huacos precolombinos e cerámica utilitaria, como continuación dos seus traballos anteriores. Non obstante tamén experimentou con pezas, máis innovadoras, de formas poliédricas de aristas vivas e bocas rotas.

O próximo paso cara a independencia escultórica foi a incursión de materiais como a pedra, o plomo e a madeira, que integra a cerámica. Según ela "isto xa se podía considerar escultura". A partir dos anos 90 fusionou diferentes materiais e, abandonando totalmente a produción de obxectos de carácter utilitario, creou estruturas esquemáticas de aspecto totémico e primitivo. No ano 1991 entrou en crise: "retomei os debuxos primeiros que fixen en Barcelona. As fibras das palmeiras, as tramas e a superposición de planos. Efecto espacial". Ademais descubriu dous novos materiais: o cáñamo e o látex. Mantivo o proceso artesanal, contrapoñendo o mundo natural á frialdade xeométrica do material industrial. Era o contrario á cerámica, conseguía pezas de gran tamaño pero moi aéreas. Nesta etapa a luz vólvese fundamental.

Foi seleccionada para a EXPO'92 de novos valores, para "Nomes propios: imaxes do desexo" no Museo do Pobo Galego, e a III Mostra Unión Fenosa. Como continuación dos procesos experimentados con anterioridade, a intervención no espazo volveuse fundamental. Comezou unha colaboración activa coas institucións, realizando obras para diversas mostras: "Trazos e camiños", "Mar de fondo" en San Martiño Pinario, "A Arte inexistente. As artistas galegas de século XX". No ano 1996 realizou unha exposición individual na Galería Pardo Bazán presentando a serie caixas de luz, onde non só establecía un diálogo co espazo senón que crea un propio, recheo de pequenos fetiches de orixe natural. Ao ano seguinte incluiu o plástico na liña dos contedores e as caixas de luz. Tras a experiencia de pequeno formato ampliou a escala das súas pezas. Xunto a Christian Villamide participou no III Foro Atlántico de Arte Contemporánea en 1997 e recibiu o premio da Asociación de críticos de Arte de Galicia con "Perdurables".

A partir de 1999 comezou a suprimir os materiais de orixe natural por outros máis fríos. Concentrouse na investigación espacial e descubriu o interior das súas obras. Preocúpase, cada vez máis, pola intervención, como exemplo, o proxecto para o Centro Torrente Ballester. Nas súas propias palabras, "(...) basicamente fun pasando da pintura ao volume, deste á escultura e posteriormente ao espazo". A natureza e o movemento do vento, convírtense en protagonistas referentes dun mundo propio, transcrito sempre coa exquisita e sofisticada beleza do elemental.

As súas obras forman parte das coleccións do Museo de Cerámica de Barcelona, Xunta de Galicia, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Santiago de Compostela), Concello de Santiago (Teatro Principal), Consorcio da Cidade de Santiago (Auditorio de Galicia), Colección Argentaria (Santiago de Compostela), e na ABANCA Colección de arte (A Coruña).


1SEOANE, X.: Reto ou rendición,Edicións do Castro, Luzes de Galiza Arte, Sada (A Coruña), 1994.

Arte Galega. Revisión dunha década (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1992. 

A Arte Inexistente. As artistas galegas do século XX (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

Camiñantes (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1999.

Cerámica actual: Tendencias (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1987.

Colección de Arte Caixa Galicia: Estación Marítima (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1996.

Contenedores (catálogo), Caja Madrid, Pontevedra, 1997.

DÍAZ PARDO, I.: "A cerámica como soporte da creación artística", en Cerámica actual: Tendencias (catálogo). Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1987.

FERRO, F.: "Do mouro ao arco da vella. Mª Xosé Díaz, escultora metafísica", en A Nosa Terra, núm. 450, octubre, 1990.

Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

Galicia hoxe. A Coruña, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

GARCÍA IGLESIAS, X. M.: "Dez artistas na Compostela de fin de século", en 10 visións da arte compostelá, (catálogo), Consorcio de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 1993.

GARRIDO MORENO, A.: Escultura Gallega Contemporánea, la cerámica como punto de partida , Centro de Artesanía y Diseño de Galicia, Diputación de Lugo, Lugo, 2000.

Historia e arte na casa grande do pozo (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2003.

Mª XOSÉ Díaz (catálogo), Caja de Madrid, Madrid, 1997.

"Mª XOSÉ Díaz", en Arte y Parte, núm. 12, 1997.

III Mostra Unión Fenosa, Unión Fenosa, Madrid, 1993.

Presente Plural (catálogo), As Pontes (A Coruña), 1994.

SEOANE, X.: Reto ou rendición, Edicións do Castro, Luzes de Galiza Arte, Sada (A Coruña), 1994. 

SOBRINO MANZANARES, M. L.: De Asorey ós 90. A escultura moderna en Galicia, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

Trazos e camiños. Exposición de arte galega, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

Vinte anos vinte escultores. GaliciaEscultura (catálogo), Centro Cultural Torrente Ballester, Ferrol, 2002. 

Ver menos 

Obras do artista