Ernst, Max

  (Brühl, Alemania  1891 - París  1976)
  Alias: Ernst, Max

Os primeiros anos da vida de Max Ernst discorreron xunto a seu pai, mestre de xordomudos, pintor afeccionado e católico estrito. Ernst matriculouse na facultade de letras en Bonn e comezou a realizar as súas primeiras obras, moi influídas polo expresionismo do Der Blaue Reiter. En 1913 expuxo as súas obras no Salón de Outono de Berlín xunto a Hans Arp, Paul Klee e Robert Delaunay, e continuou as súas investigacións estéticas durante un ano, ata que en 1914 foron interrompidas pola guerra.

Os horrores que viu durante a contenda provocáronlle gran impacto, ata o punto que tras a guerra se adheriu ao movemento dadaista, xurdido en Zúric en 1916 precisamente como un acto de denuncia non-racional fronte a unha civilización que é capaz de levar á humanidade a semellantes catástrofes. En 1921 André Breton invitouno a expoñer as súas obras na librería Au sans pareil de París, e animado polo sincero apoio trasladouse a Francia en 1922, onde entrou ilegalmente co pasaporte do poeta surrealista Paul Eluard. A súa situación en París era precaria, debido á súa nacionalidade alemá, realizando todo tipo de traballos, e pintando tan só os domingos. Non obstante, expuxo en 1923 no Salon des Independants, cunha moi boa acollida dos futuros surrealistas, sendo membro fundador do movemento e participando na mítica exposición na Galerie Pierre de 1924. Convértese nun dos pintores máis importantes do movemento, ata que en 1938 o expulsaron ao secundar a Paul Eluard nas súas diatribas con Breton.

Co comezo da Segunda Guerra Mundial foi vítima dobremente, primeiro como alemán en Francia antes da toma de París e despois como disidente alemán para os Nazis. Escapou cara a Nova York en compañía de Peggy Gugenheim, con quen casou ao pouco tempo. Alí coñeceu á pintora Dorothea Tanning, que se converteu na súa nova muller, trasladándose a Arizona. En 1953 regresou a Francia onde residiu e traballou ata a súa morte.

Max Ernst é un dos grandes artistas do século XX, inventor de técnicas - como o frotagge e o gratagge- e formas novas. A súa obra non posúe unha soa linguaxe plástica, ao contrario doutros compañeiros de grupo como Tanguy, Dalí ou Delvaux, quen traballaron case toda a súa carreira seguindo unha mesma liña estética. Ernst seguiu unha traxectoria plástica froito dunha alma inconformista que busca novos medios de expresión para plasmar as súas inquietudes. 8José I.Abeijón-Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos 

Obras do artista