Navarro, Miquel

  (Mislata, Valencia  1954 - )

 Estudou na Escola de Belas Artes de San Carlos (Valencia). Comezou como pintor en 1964, realizando debuxos e pinturas sobre papel. En 1968 céntrase nos relevos en goma e plástico, e en 1972 decántase definitivamente pola escultura. Non obstante, os seus inicios no eido da pintura deixaron marca na súa produción, especialmente nos relevos de parede. O seu traballo encamíñase cara as instalacións e montaxes, a modo de paisaxes escultóricas, aínda que na década dos setenta alterna as montaxes con esculturas autónomas, máis tradicionais.

 En 1980 expón por primeira vez en Nova York. Nesta década experimenta con novas manifestacións artísticas, realizando as escenografías para as obras teatrais "Vente a Sinopia", de Fernando Savater, e "Absalón", de Calderón de la Barca, ambas no Teatro Nacional de Madrid.En 1984 inaugurouse nunha praza pública de Valencia unha fonte de 23 metros que conmemora a traída de augas potables dende o río Júcar á cidade, pero nunca abandonou as montaxes, unha das cales "A Cidade" se espuxo en Grasz (Austria), Madrid e Londres.

 A obra de Navarro caracterízase polos volumes xeométricos de tipo arquitectónico que fan do artista un "construtor", máis ca un escultor. As estruturas básicas son o cubo, a esfera e o rectángulo, cos que reconstrúe formas inspiradas nas arquitecturas industriais, enclaves arqueolóxicos e elementos típicos da paisaxe levantina. As súas pezas reúnense en conxuntos de vocación urbanística nos que os eixes principais e a diferenciación xerárquica dos edificios marcan a pauta. Para estas creacións o artista toma como referencia principal a cultura mediterránea primitiva, que se transloce en ecos remotos do pasado de Mesopotamia, Exipto, as cidades ideais da Antigüidade Clásica, ou mesmo nas paisaxes metafísicas das arquitecturas mudas de Giorgio de Chirico. Igual que o metafísico italiano, a intención de Navarro é tanto amosar a imaxe de obxectos que existen no mundo real, como crear uns signos vitais que manifesten a estrutura das cousas, manifestando a súa orde, harmonía e permanencia, e volvéndose universais. De aí que os obxectos que reproduce presenten unha imaxe tan depurada.   

 A influencia do construtivismo ruso e da obra de Julio González son tamén perceptibles nas obras da última década. As súas "Cidades", que desenvolve dende 1972, son instalacións complexas, realizadas con múltiples pezas de materiais cerámicos e principalmente barro -materia chea de connotacións culturais e de doada maleabilidade. O refractario, o cinc, o chumbo, a madeira, o xeso ou o mármore son tamén extensamente empregados por Navarro. Como sinalou Garrido Moreno, o emprego do ferro foi especialmente importante para a evolución da súa obra, permitíndolle canalizar a concepción arquitectónica das súas cidades en formas xeométricas simples, perdendo parte do seu carácter anecdótico e volvéndose máis esquemáticas e esenciais. Nestas cidades acostuma destacar un elemento vertical que, co tempo, se foi independizando ata construír unha peza illada.

 A súa carreira está chea de éxitos, destacando o Premio Nacional de Artes Plásticas, obtido en 1986, o Premio Alfons Roig (Deputación de Valencia, 1987), o Premio CEOE ás Artes (1990) ou o Premio Nacional da Asociación de Críticos de Arte (AECA) ARCO´95.

   

Miquel Navarro. Les Ciutats (catálogo), IVAM, 18 xaneiro- 18 marzo de 1990.

Miquel Navarro. Minerva Paranoica (catálogo), Palacio de Cristal de Madrid, 27 outubro de 1989- 8 xaneiro 1990.

Miquel Navarro 1973- 1996 (catálogo), L´Almodí Valencia, outubro- novembro 1996; Orchard Gallery decembro 1996- xaneiro 1997; Sa Nostra. Centre de Cultura. Palma de Mallorca, marzo- maio 1997.

Miquel Navarro (catálogo), Galería Antonia Puyó, Zaragoza, 1999.

Miquel Navarro (catálogo), Fundación Marcelino Botín, 18 outubro- 24 novembro de 2002.

Ver menos