Chafes, Rui

  (Lisboa (Portugal)  1966 - )
  Web artista: http://ruichafes.net/

Formouse na Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa, a súa cidade natal, viaxando posteriormente  á Kunstakademie de Dusseldorf, dirixida polo alemán Gerhard Merz. Dende ese momento a cultura alemana converteuse nunha constante na súa obra.

Comezou a expor moi cedo as súas obras, entre 1986 e 1987 na ESBAL, onde presentou esculturas en mármore. En 1988 empezou a traballar en madeira e plástico, pero as pezas máis características da súa produción posterior son as esculturas en ferro pintado de negro, que comezou a elaborar en 1987. Pezas enroladas nas que se contrastaba o peso e inmobilidade do material co universo de asociacións do obxecto. A partir deste momento, Chafes, xogará coa ambigüidade das imaxes. Desta época son tamén esculturas de chan de formas ovaladas constituídas todas elas por un segmento cóncavo e con tubos de ferro que se acoplan ao obxecto. As asociacións a cotío están relacionadas con obxectos  máis ou menos cotiáns, en consonancia coa historia ou co imaxinario occidental. A ambigüidade convértese en algo primordial na súa obra, e a súa busca será unha constante. 
       
En 1989 realizou un grupo de esculturas en malla de ferro en forma de casacas masculinas. Nestas pezas o título xoga  tamén coa ambigüidade de significados mediante as referencias do espectador e a ausencia de utilidade práctica da escultura.  Recupera os xogos semánticos de Marcel Duchamp ou de Magritte. Esta malla volverá a xurdir máis tarde en esculturas colgadas do teito que combinan formas ríxidas con outras máis suaves en forma de sacos. O lugar no que se vai colgar a escultura é tamén moi importante, dado que a escultura debe integrarse perfectamente no contorno, establecéndose unha relación de sutil intimidade pero sen perder por iso as súas cualidades escultóricas.

Agás a perennidade do material e a solidez das formas das esculturas, nada está establecido. "Non existe arte sen transformación" -di Chafes- "As esculturas son módulos de pensamento tanto para min como para os demais". Exemplo das obras desta época é unha das súas esculturas máis coñecidas: "Crianca e flores" (1995) pertencente á Colección del Museo do Chiado, en Lisboa.

En 1996, a serie "Cristal" concretiza de modo máis explícito a ausencia do corpo que é, dunha maneira más íntima, a principal preocupación do artista. Trátase de varias esculturas de parede en forma de máscaras de terribles rituais, que modela en tiras de ferro que adquiren forma de cabeza humana, aínda que esa relación pertenza ao mundo da imaxinación, e non estea presente de maneira explícita. Outra forma á que recorre con frecuencia é a do par de zapatos.

 Xogando con sentido dual da máscara, en "Leçons de tènébres" (2001), Chafes confecciona esculturas onde traballa con  conceptos de interior-exterior. Son pezas en forma de estelas cunha superficie perforada en filas de pequenos orificios suxerindo miradas e deixando presentir un espazo interior. No percorrido polas esculturas dámonos conta de que por un lado hai un corte transversal por onde se ve o interior, a outra cara. De lonxe este grupo de esculturas móstranse como unha máscara, a dobre cara tan recorrente nas imaxes do autor, que nunca deixa de traballar con conceptos contrarios e complementarios.

Característica da traxectoria artística deste autor é a importancia que dá aos títulos das súas pezas, exposicións e instalacións. Palabras como "sonho" ('soño'), "morte", "manha" ('mañá') ou "ferida" condúcennos a un universo nostálxico e romántico, ao que une unha especial paixón polo traballo do ferro e polo mundo clásico, un dos seus principais referentes.

CASTRO, M.; CHAFES, R.;GARCÍA, A.: Durante o Fim (catálogo), Berardo, Assirio & Alvim y Sintra Museu de Arte Moderna, Sintra, 2000.

GABNER, H.: Harmonía, Galería Canvas (actualmente Galería Graça Brandäo), Porto, 1998.

HOET, J. ; MAES, F. ; DRATHEN, Doris von: Rui Chafes. Um Sopro, Galería Graça Bandäo, Porto, 2003.

Ver menos