Aguilar, Sergi

  (Barcelona  1949 - )
  Web artista: http://sergiaguilar.ws/web/

Sergi Aguilar fórmase no seo dunha familia de ourives, logo estudaría na Escola Massana e no Conservatori de las Arts do Libre de Barcelona. Nun primeiro momento dedícase ao deseño e á fabricación de xoias, pero ao coñecer a artistas como Julio González, Brancusi ou os construtivistas rusos decidirá dedicarse á escultura dende o ano 1972.

No ano 1973 será cando realice a súa primeira exposición individual na Galería Adrià de Barcelona, e un ano máis tarde desenvolve a súa faceta como debuxante coa serie Estudis de la Naturalesa, sobre motivos minerais e vexetais que encontra nos seus paseos por Mallorca. É na segunda metade dos anos 70 cando o espazo se vai integrando dentro das súas obras.

A comezos dos anos 80, exporá por primeira vez en Madrid, onde presentará unha obraque mestura materiais, con acabados sucios, formas difusas e ambiguas, e cun uso explícito da cor. O resto da década traballa as súas esculturas nunha dobre dirección: dun lado traballa sistematicamente sobre o plano e as súas interseccións e á vez dedica unha especial atención ao acabado do material, cun tratamento diferenciado de pátinas. Os seus traballos teñen nexos co Minimal Art, a pura tradición xeométrica do construtivismo e da arte conceptual. Do primeiro toma o seu carácter puramente físico (materiais industriais e acabados pulidos, lisos e incluso brillantes); da arte conceptual toma que as ideas que aparecen nunha obra son un elemento máis importante que o sentido polo que a mesma se creou.

Nos anos 90, prodúcese un cambio conceptual na obra do artista: "as pezas remiten a xeometrías e xeografía a partir de experiencias persoais producidas en diferentes viaxes que entran a formar parte do imaxinario. Termos como fronteira, construción e signo son ideas básicas" tal e como indica Aguilar. Para el, a escultura é a "representación dunha idea". A partir do ano 2000 abordará un concepto ríxido de racionalidade e depuración que evolucionou cara a unha expresión abstracta do baleiro, do home e o seu medio. É agora cando as referencias aos planos achegan ao espectador a espazos, a lugares afastados da presenza humana e cargados de misticismo como as obras pensadas para a exposición “Perimetrías”, do ano 2004 no Mosteiro de Silos.

De 1996 a 2001 foi o Presidente da Associació d’artistes visuals de Catalunya e na actualidade é o director da Fundació Suñol, con sede en Barcelona, especializada na arte contemporánea.

A importancia do seu traballo queda reflectida na cantidade de exposicións que se realizan sobre el, entre as que destacan a organizada pola Nau Côclea en 2005; “Perimetrías” no Mosteiro de Silos en 2004 ou as obras que realizou para espazos públicos como Júlia na Via Júlia de Barcelona (1987), Marca d’Aigua na costa de Vilaseca (1992), D. T. na Fundació Joan Miró de Barcelona (2002), ou El paso de las nubes no Parque del Prado en Vitoria (2003).

Sergi Aguilar está considerado un dos principais escultores das últimas xeracións e un dos "introdutores" d arte conceptual en España. 

A súa obra consérvase en diferentes coleccións institucionais como a Colección MACBA de Barcelona, a Colección do ARTIUM de Vitoria, a Colección del MNCARS de Madrid, a Colección del Museo Patio Herreriano de Valladolid, a Colección da Fundació Vila Casas de Pals (Girona), no Victoria and Albert Museum de Londres, na Kunsthalle de Mannheim, no The Solomon R. Guggenheim Museum de Nova York no Museo de Bellas Artes de Oviedo, na Fundación Juan March de Madrid e no Museu d’art español contemporani da Fundación March en Palma de Mallorca, etc.

ESCULTURA PÚBLICA 

El paso de las nubes, 2003
Parque del Prado, Vitoria. 

Marca d’Aigua, 1992
Vilaseca, Tarragona. 

Jùlia, 1987
Via Jùlia, Barcelona.

BLANCH, T.: "Origen y novedad en sus actuales hierros", en Sergi Aguilar, esculturas y dibujos (catálogo),  Ministerio de Cultura, Madrid, 1984.

BLANCH, T.: "Definiciones en el espacio solar", en Sergi Aguilar 74/82/95 (catálogo), Fundación Marcelino Botín, Santander, 1996.

BONET, J.M.: "Palabras para Sergi Aguilar", en Sergi Aguilar (catálogo), Galería Soledad Lorenzo, Madrid, 1988.

MOLINS P. y CALVO SERRALER, F.: "Jarrón Chino", en Sergi Aguilar. Zona (catálogo), Galería Almirante, Madrid, 2002. 

RIVAS, F.: "La escultura y el lugar", en Sergi Aguilar, esculturas y dibujos (catálogo), Ministerio de Cultura, Madrid, 1984. 

ROWELL, M.: "Una entrevista con Sergi Aguilar", en Sergi Aguilar (catálogo), Barcelona, Fundación Joan Miró, 1991.

SERGI Aguilar (catálogo), Fundación Joan Miró, Barcelona, 1991. 

Ver menos 

Obras do artista