Blanco, Vicente

  (Santiago de Compostela  1974 - )

Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra na especialidade de escultura. Entre os anos 1995 e 1997 realizou os cursos de doutoramento "Práctica y Límites de la Escultura" na Universidade do País Vasco de Bilbao.  En 1995 comezou a expor de forma colectiva na mostra "Exposición Metro", na Generalitat Valenciana. Tres anos máis tarde, inicia a súa experiencia expositiva en solitario baixo o título "Luces de Artificio" na cidade de Santiago de Compostela. No ano 1999 forma parte da nómina de artistas presentada pola Galería Marisa Marimón na feira internacional ARCO'99.

Entre 1996 e 2003 concedéronselle varias bolsas: Bolsa de colaboración no departamento de Expresión Artística da Universidade de Vigo (1996), Bolsa Intercampus Universidade de Minas Gerais, Brasil (1997), Bolsa da Deputación da Coruña para a ampliación de estudos artísticos (1999- 2000) no CGU, Os Ánxeles, California, Bolsa de Caja Madrid para proxectos de Xeración (2000- 2001), en 2000 logra tamén una bolsa compartida: Vicente Blanco/Salvador Cidrás, e a Bolsa de Creación Artística Unión Fenosa (2003).

En 1999 traballa xunto a Salvador Cidrás no proxecto Bloody Nose, un traballo realizado coa intención de unificar dúas liñas diferentes: por un lado a de Vicente, máis próxima á ficción, dende o medio fotográfico, o vídeo e a invención do medio, e por outro a de Salvador que recorre á forma -estrutura do espazo. Dita colaboración é seleccionada para o Festival de vídeo "Waves 2000" nos Ánxeles (California). A partir de aquí arranca un labor artístico compartido materializado en El prisionero blanco, exhibido en ARCO'01. Paralelamente presenta de maneira individual Temida Mamá.

A súa produción arranca con cadros realizados en vinilo que destacan figuras xeométricas con cores ácidas, reminiscentes da psicodelia. Na fotografía tende a recrear espazos naturais a partir de materiais artificiais, unha forma de facer que continúa coa súa produción audiovisual: do videoxogo e a paisaxe contemporánea.
Actualmente é profesor na Facultade de Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela, campus de Lugo.

A súa obra forma parte de importantes colecións: Fundación Coca-Cola España, Concello de Pamplona, Museo Unión Fenosa da Coruña, Instituto de la Juventud INJUVE, Colección L'Oreal, Deputación da Coruña, Colección de arte Abanca, Colección Caja Madrid, Colección CGAC, Colección Testimoni de la Caixa, Colección do MUSAC, Colección del Museo de Arte Contemporáneo (Patio Herreriano), etcétera.

Arte Emergente (catálogo), Nuevo Milenio, A Coruña, 2001.

Enciclopedia Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993. 

Figuraciones Arte Civil + Magicismos + Espacios de Frontera, Caja Madrid, Madrid, 2003.

Generación 2000: Becas de Arte Caja Madrid (catálogo), Caja Madrid, Madrid, 2000.

Generación 2002: Becas de Arte Caja Madrid (catálogo), Caja Madrid, Madrid, 2002.

GUTIÉRREZ, X. L.: "PADDING-OFF: De los cuerpos opacos". En http://www.artszin.net/ 

Miradas Vírxes (catálogo), Centro Cultutal Torrente Ballester, Ferrol, 2002.

Monacal, (catálogo), Departamento de Audiovisuales del MNCARS, Madrid, 2003.

Novos camiñantes (catálogo), Xacobeo'99 Galicia, Xunta de Galicia, A Coruña, 1999.

OH, oh, oh yeah (catálogo), Galería Marisa Marimón, Ourense, 2002.

Transfer (catálogo), Centro Galego de Arte Contemporánea, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.

Ver menos