Prego, Vicente

  (A Coruña  1957 - )

En 1982 diplomouse na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Nos seus comezos, o se discurso artístico aséntase no informalismo, no que as texturas e materiais son os factores que definen a obra. Emprega o cartón  como material para solapar as manchas negras que emerxen dos fondos empastados en tonos grises; tamén emprega o goteo e os chorros de pintura, con maior soltura, formando manchas e xestos que dialogan con rastros figurativos relativos á antigüidade que acabaron sendo característicos da súa obra.

En 1991, na exposición "April-March", as reminiscencias grecolatinas fanse máis evidentes e combínanse coa faceta de vestixios arquitectónicos da memoria imperial. A súa obra Idus de marzo, que se expuxo nesta mostra, significa a volta á memoria dos signos e pinturas murais da vella Roma. Grafías, incisións, raiaduras, letras e rombos recordan a obra de Twombly, autor instalado en Roma cun gusto moi barroco polo instinto sinalizador e visceral do grafismo.

Na primeira metade dos 90, Prego estudou belas artes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Nesta época empeza a empregar vernices, a graduar sutilmente as luces e as sombras na superficie e transferir emblemas figurativos como cabaleiros medievais ou monumentos cun claro factor italianizante que aparecen cunha distribución do espazo do cadro, que acaba por adquirir o aire dos vellos pergamiños.  

Todas estas investigacións desembocan en recreacións de antigas arquitecturas clásicas, reais ou inventadas, palacios ideais con claras referencias ás postais impresas, que emerxen dos fondos informalistas, o territorio onde Prego segue experimentando coas grafías, xestos, textos ou emulsines que remiten ao proceso puramente pictórico.         

Na actualidade importantes institucións e museos contan entre os seus fondos con obras deste artista: Deputación Provincial de A Coruña, Colección Unión Fenosa, Xunta de Galicia, Consorcio de Santiago, Universidade da Coruña, etcétera.

Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, tomo XVI, Hercules de Ediciones, A Coruña, 1993.

GONZALEZ ALEGRE, A.: As últimas encrucilladas, en Trazos e Camiños (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

I Mostra Unión Fenosa (catálogo), Unión Fenosa, A Coruña, 1989.

II Mostra Unión Fenosa (catálogo), Unión Fenosa, A Coruña, 1991.

Mar de fondo, Xunta de Galicia, 1995.

Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa. Fondos 1989-1998 (catálogo),  Unión Fenosa, Madrid,  2000.

Nomes propios. Imaxes do desexo (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1992. 

Revisión dunha época. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1990. 

Semellanzas e contrastes (catálogo), Deputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra, 1992. 

Vicente Prego, Galería Marisa Miramón, A Coruña, 2003. 

Ver menos 

Obras do artista