Cabanas, Xaime

  (A Coruña  1953 - A Coruña  2013)
  Movimiento/Escuela: Grupo Sisga, Grupo A Carón, Colectivo La Galga, Atlántica

Naceu na Coruña en 1953. A súa mocidade coincidiu cos anos sesenta, época que marca o seu carácter de liberdade e innovación. A esta xeración pertencen tamén outros artistas como Chelín ou Zapata, xunto aos que Cabanas comezou a desenvolver unha arte de estética postcubista, onde xa se albiscaban características da abstracción.

En 1970 viaxou por Europa, sobre todo a París, e tres anos máis tarde participa na mostra "Arte Joven de Galicia". En 1975 creou o grupo Sisga, formado entre outros por Fernando García Varela, Tomás Roures, Gonzalo Viana e Xosé Espona, artistas centrados en explotar a actitude máis rupturista e combativa da creación plástica. É aquí onde Cabanas conectou co construtivismo, a abstracción, o pop americana e coa Nova Figuración, idea vertebral que constituía este grupo. Paralelemente colabora co Grupo A Carón, onde tamén levaba a cabo actividades de innovación e de ruptura. 

Un feito importante na vida artística de Cabanas, foi o nacemento da Galería Mestre Mateo. Aquí, el e os seus compañeiros comezaron a tomar contacto directo coa pintura e os artistas do momento: Le Parc, Cecil King, Nawar ou Leopoldo Nóvoa. Nesta época Cabanas traballa o campo da abstracción, en obras de sinxeleza xeométrica, estática, fría, distante e dunha gran radicalidade na representación, difícil de aceptar polo público, tal e como recoñece o propio artista.

A finais dos 70 formou parte do Colectivo "La Galga", grupo cultural de ruptura, con ganas de fusionar diferentes artes e ampliar horizontes. As obras desta época son unha provocación constante.

En 1980 entrou a formar parte do grupo "Atlántica". Nestes anos que van do 80 ao 85, explorou diversos mundos plásticos relacionados coa abstracción, aínda que introduce algunhas versións retro das súas obras figurativas. Tamén dedicou parte da súa actividade á arte postal, experiencia que lle resultou enriquecedora pero que durou pouco tempo.

A finais da década dos 80, xurdiu unha nova etapa artística que el mesmo denominou de la piedra. Percorrendo as rúas e visitando monumentos, despértase nel un interese polo medieval, polas manifestacións da pedra ao longo dos séculos. O feito de estar continuamente na estrada visitando diferentes lugares, obrígao a desenvolver unha técnica de abstracción, sintética, rápida, de formas esenciais. Nestes anos tamén colaborou coa asociación cultural Tralla e renaceu na súa obra a cultura mariñeira.

Despois desta etapa, comezou outra de permanencia no taller, traballando o papel, e con pinturas de pequeno e gran formato. A presenza do mar é intensa nestes anos, pero tamén a da morte, cunha serie de pinturas negras. Así mesmo explora o mundo dos símbolos, dende os petroglifos, marcas de canteiros e referencias nórdicas, ata a simboloxía a vida e o destino. Como contrapunto pinta unha serie de parques urbáns onde encadra escenas cotiás.

A obra dos seus últimos anos parece ser unha amalgama das súas etapas anteriores: figuración, informalismo, abstracción e arte conceptual, conforman unha obra coa que o artista pretende ser fiel a si mesmo. Faleceu na Coruña en agosto do 2013.

Cabanas realizou numerosas exposicións, tanto a nivel nacional como internacional e as súas obras atópanse en importantes espazos artísticos: Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid, a Colección Banco Exterior de España, o Parlamento de Galicia, Palacio de Congresos e Auditorio da Coruña, e na Colección Concello da Coruña.

Artistas Galegos: pintores (neoexpresionismos-abstraccións). Xaime Cabanas, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.

Atlántica, 1980-1986 (catálogo), Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), Vigo, 2002.

Cabanas MMI. Palacio Municipal de Exposiciones "Kiosco Alfonso", A Coruña, maio/xuño, 2001.

Cabanas 2003, Galería Ana Vilaseco, A Coruña, novembro/decembro, 2003.

Enciclopedia del Arte Español del siglo XX, Mondadori España, Madrid, 1991.

Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules Ediciones, A Coruña, 1993.

Ver menos