A barca de Caronte

A barca de Caronte

  Ano de creación: 1947

  Dimensións: 215x320

  Técnica: Óleo s/lenzo

Comentario:

    De temática clásica, este cadro representa La Barca de Caronte, quen, segundo a tradición, transportaba os mortos a Hades coa súa barca, cruzándoos polo río que se encontraba ante as portas do Mundo Subterráneo. Os mortos debían pagarlle por este último servizo un óbolo, que os vivos previamente lle colocaran na boca. A tradición de representar esta pasaxe remóntase ao século V a.C. cando Polignoto decorou os muros da Agrupación de los Cnidos en Delfos co Descenso al Hades, onde representa a Caronte levando na barca un home e unha muller. Desta imaxe realizáronse reconstruccións posteriores que fixeron que o tema non se perdese de todo, tendo unha das súas representacións máis expresivas no Xuízo Final pintado por Miguel Ángel na Capela Sixtina.


    Díaz Pardo resolve esta obra de gran formato, acadando a perspectiva mediante a superposición de figuras e o tamaño destas, sendo máis pequenas as situadas nun segundo plano. Realiza un estudo anatómico das musculacións dos homes, mentres que as figuras femininas teñen unhas formas máis redondeadas, sen chegar a ser brandas. Co detallismo da musculatura crea unha tensión de forzas, axudado tamén polas diagonais que forman os homes que tensan as cordas cunha disposición que parece tomada do Martirio de San Felipe de Ribera e a disposición dos homes que sosteñen as varas que nos remiten á La rendición de Breda de Velázquez. Estes claros referentes evidencian as fontes de Díaz Pardo e son unha homenaxe aos grandes mestres da pintura española. A paleta que utiliza  baséase en cores terrosas e neutras, sobre as que destacan verdes, vermellos e ocres para detalles puntuais, tríada cromática característica do Greco.