A feiranta

A feiranta

  Ano de creación: 1975

  Dimensións: 93 x 73 cm.

Comentario:

    A representación da muller será unha constante ao longo da traxectoria artística de Seoane. A figura feminina aparece unha e outra vez na súa obra, quizás como un referente simbólico, coma se o artista quixese ver nelas o prototipo do pobo galego. Trátase de mulleres robustas, maxestuosas e serenas, que pola emigración dos homes se fixeron cargo dos seus traballos, logrando sacar adiante unha Galicia empobrecida. Para o artista, estas mulleres son a encarnación da Madre Terra: "Trátase para min, sempre, dunha especie de Nai galega, outra constante que nos vén desde a prehistoria, a diosa que incorporou Roma ás súas crenzas, a dos cruceiros, as que pintaban Souto e Colmeiro"1. Estas formas rotundas e potentes, non exentas de certo hieratismo, recordan ás imaxes do Románico.   Os grandes planos de cores intensas e sen matices, conforman a figura, e somerxen no espazo ata chegar a fundila co fondo. A figura, sólida e xeométrica, está conformada a base de amplos planos de cor que se alternan con liñas negras estruturais que suxiren as formas e enmarcan os volumes. O resultado son figuras moi sintéticas, sometidas a un grafismo que simplemente sinala algúns dos trazos máis significativos do seu físico, coma o rostro, as mans ou o peito. A figura libérase de ataduras, grazas a esta visión personalizada da linguaxe cubista, onde a simplificación das formas, permite ao artista crear figuras esenciais, cargadas dunha cor pura e intensa, que ademais de crear efectos lumínicos, estrutura a bidimensionalidade da composición.

   O tema dos oficios será outra constante na obra de Seoane, ao igual que Léger, o noso artista busca transmitir imaxes cunha linguaxe sinxela, comprensible para todo tipo de espectador, mediante o que se pode expresar a forma de ser do seu tempo, e os problemas sociais  da época, reivindicando sempre os dereitos dun pobo oprimido, pero con personalidade propia, o galego.

 


1SEOANE, L.: "Encol da miña aportación ao arte mural", en Revista Grial, núm. 45, Vigo, 1974.