Alegrías

Alegrías

  Ano de creación: 1935

  Dimensións: 190 x 164.5 cm

Comentario:

    Nesta obra, o pintor retrata ás mulleres que poñen a secar a roupa no campo. Esta escena sérvelle de excusa para incluír o tema da danza e a alegría das mozas, así como para realizar un estudo da incidencia da luz sobre o branco das prendas, captando multitude de matices de cor. O resultado é unha escena de carácter teatral, protagonizada polas mulleres que bailan no primeiro plano. A roupa tendida, actúa como pano de fondo, e centra a nosa atención sobre este grupo. Así mesmo, o  xogo de miradas condúcenos á moza coa cabeza descuberta. A pesar da disposición inestable das figuras protagonistas, non logra a sensación de dinamismo, debido ao predominio da horizontalidade na composición. As diagonais, pouco acentuadas, neutralízanse, eliminando a sensación de profundidade e de movemento. González del Blanco foi un dos grandes retratistas do mundo rural galego de comezos do século XX. Nos seus cadros de gran formato crea unha crónica dos personaxes, ambientes, festas e episodios das xentes e da vida do campo. A súa técnica, "correcta y ajustada" remite á do mestre Tito Vázquez, aínda que a influencia de Sotomayor o leva a pintar coa pincelada máis rápida e lixeira.