Amanecer en Betanzos

Amanecer en Betanzos

  Registro: 389

  Ano de creación: 1918

  Dimensións: 100 x 81 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

Comentario:

Óleo resultante do Boceto urbano. Trátase dunha vista da cidade de Betanzos presidida polas torres da igrexa de Santiago, no alto. En primeiro termo representa unha rúa con certo balbordo de persoas, para logo dar paso ás casas que se amontoan na pronunciada faldra do casco histórico da cidade. Os efectos lumínicos provocados polo sol destacan a zona alta, que contrasta co casarío en sombra. Traballa con sombras coloreadas, segundo o luminismo sorrollesco, inspirado nas obras dos impresionistas. No lenzo, hai unha busca de profundidade creada polas liñas de fuga da rúa do primeiro termo, que conducen a nosa mirada cara o casarío e de aquí ao foco de luz concentrado no alto. A pintura, acuosa e matérica, reflicte a atmosfera húmeda propia de Galicia. A Fundación Barrié de la Maza conserva na súa colección un óleo do mesmo ano, titulado Entre luces (Betanzos), onde retrata, dende outra perspectiva, a vista dende o río do casco histórico de Betanzos.