Anticuario del puerto

Anticuario del puerto

  Registro: 399

  Ano de creación: 1946

  Dimensións: 97.7 x 117.5 x 5 cm

  Técnica: óleo sobre táboa

  Categoría: figuración, surrealismo

Comentario:

As antigüidades, ao igual que a pintura, son o reflexo do tempo conxelado. Os obxectos, acompañados da súa pátina e imperfeccións,  levan a carga emotiva propia das testemuñas mudas de vidas anónimas. Diante dos nosos ollos, Lugrís presenta un labirinto de sensacións, provocadas pola análise pormenorizada que nos esixe o cadro a través da nosa mirada. A obra recrea a almoeda dun vello mariñeiro. Multitude de obxectos agólpanse dunha forma barroca por toda a estanza, como un gabinete de curiosidades. Como na maioría dos cadros de Lugrís, o home non está presente e isto motiva a maior carga emocional, que se incrementa polo preciosismo co que describe as texturas dos obxectos. Trátase dunha composición onde predomina a horizontalidade, establecéndose ademais puntos de fuga que nos levan á fiestra, única abertura na composición, pola que a nosa retina pode descansar de tanta carga visual. "La ventana" presenta unha vista dun porto con actividade de veleiros e o que parece una igrexa. O pintor demostra unha gran mestría no debuxo e na aplicación da cor, froito do coñecemento alcanzado polo artista como escenógrafo.