Bodegón de hinojos

Bodegón de hinojos

  Dimensións: 80 x 40 cm.

Comentario:

    As naturezas mortas de Seoane son debedoras, dende un punto de vista plástico, do cubismo picassiano. As liñas reducen e sintetizan as formas, as cores vivas e intensas exténdense e crean distintos planos cromáticos, e o espazo ordénase simplificando a composición. Entre os elementos representados, cabe destacar en gran parte das súas naturezas mortas, a presenza da mesa, motivo do que se serve o autor para crear diferentes planos, que xeran un novo espazo plástico. Estas áreas, case sempre veñen dadas por dous rectángulos, un horizontal e outro en diagonal, diferenciados por grandes superficies de cores vivas e intensas, características da artista. Nesta obra, chama a atención o xeito de equilibrar os contrastes cromáticos mediante o trazado das liñas, que se distribúen no lenzo para equilibrar a composición.

    Liña, cor e forma, aparecen como elementos totalmente autónomos, capaces de acadar expresión por si mesmos: "A miña pintura componse de medios elementais, e de cores fortes e vivas. Acentúo as formas para resaltar o seu carácter expresivo, e coido de que elas collan importancia por si mesmas, independentemente de cada valor e da cor"1. Os fiúnchos, a laranxa e o tomate, poden parecer a simple vista demasiado humildes, e incluso pasar inadvertidos ao espectador. Pero o artista pretende desvelarnos a vida das cousas inertes, representadas de maneira sinxela, á vez que se lles outorga a maxestuosidade dun verdadeiro bodegón. 


1SEOANE, L.: "Alrededor de mi pintura", en Colección Grandes Pintores, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 1991.