Carpeta Serigrafías. 2003.

Carpeta serigrafías. Xaime Cabanas
Comentario:

    Estas tres serigrafías forman parte do actual momento pictórico de Xaime Cabanas, no que amalgama todas as súas etapas anteriores: poscubismo, expresionismo, abstracción, informalismo, tradición, pero cunha  reinterpretación iconográfica propia. O mundo das iconas e dos símbolos é moi importante para Cabanas, por este motivo outórgalles unha gran presenza gráfica. Os elementos que representa son variados e abarcan diferentes ámbitos, dende os petroglifos, á iconografía nórdica ou as marcas de canteiro, entre outros. O artista pretende con esta simboloxía facer referencia á vida e á morte, á creación e á destrución, á fertilidade, ao caos, todo un mundo de evocacións intimistas, onde non faltan as alusións ao mar, tan presente na súa vida cotiá.  

   As súas obras son empastadas, de materia densa, onde se aprecia un laborioso traballo de investigación pictórica e nas que se decanta por un esquematismo sintético, propio da improvisación do natural. Nelas intenta crear impactos visuais, xogando con diferentes texturas e con técnicas mixtas. Os temas representados son moi comúns na súa obra: en dúas delas plasma o tema do mar, mediante as siluetas dun barco e unha barca. Na outra aparece un bodegón, cun porrón e unha taza. Nas tres as formas foron sintetizadas, realizándoas mediante trazos soltos e amplos, de cor negra e vermella, que se destacan sobre un fondo ocre, totalmente plano. Con estes contrastes cromáticos consegue impactar visualmente. 

    Tras unha longa e intensa traxectoria, Cabanas chega ao reencontro consigo mesmo, expresando coa súa obra, aquilo que quere ser.