Composición cubista con botella

Maria Blanchard. Composición cubista con botella

Maria Blanchard. Composición cubista con botella

  Registro: 1621

  Ano de creación: 1918

  Dimensións: 65.1 x 46.3 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

  Categoría: cubismo

Comentario:

Composición cubista con botella foi pintada cara a 1918, dentro do seu período cubista, que durou de 1916 a 1919. É sen dúbida un dos cadros que mellor resume as calidades da artista durante esta etapa, obras, que pola curta duración dentro da súa traxectoria (tan só catro anos), son moi difíciles de localizar. Ademais foi unha das grandes representantes do movemento, cunha obra consolidada e unha linguaxe moi persoal. Seguramente a boa acollida que lle deron os artistas cubistas axudou a que Blanchard asumise este estilo sen dificultade, adaptándoo ao seu xeito de ver a arte.

É certo que está próxima ao seu amigo Juan Gris, palpable en Composición cubista con botella polo seu xeito “clásico” e ordenado de construír os cadros, con todo, máis aló desas influencias, Blanchard achegou unha sensibilidade ás súas obras que se revela no seu persoal xeito de aplicar a pintura, pastosa e táctil. Blanchard realizou un cubismo moi evolucionado, onde grazas a un marcado debuxo, os diferentes obxectos descompuxéronse en planos de cor que fan do cadro unha composición puramente xeométrica.

Ten todos os elementos para chegar a ser unha obra abstracta, pero a sutileza da artista propicia que con moi poucas liñas todos os obxectos que están representados na obra (a botella, a copa, o froiteiro, o libro, as tesoiras e a mesa) sexan perfectamente recoñecibles. Blanchard conseguiu nesta obra crear unha estrutura xeométrica pura sen renunciar a representar o mundo real.

José Ignacio Abeijón y Miriam Sainz de la Maza