Desde el balcón

Desde el balcón

  Dimensións: 42x48 cm

Comentario:

    Desde el balcón aúna dúas das temáticas más recorridas de Lugrís: o vidro e o mar. En primeiro termo presenta un vaso que contén unha rosa, e unha botella de vidro cun barco veleiro no seu interior. Ambos son froito de ensoños, xa que son realizados dunha maneira idealizada e, no caso do barco, irreal, aparece sucando os mares do interior da botella. A continuación aparece unha muller ataviada cun pomposo vestido rosa, sostendo na súa man dereita uns prismáticos (outra vez o vidro) para outear o horizonte. Á súa dereita, álzase un pobo mariñeiro, debuxado de forma moi liñal, e á súa beira asómase o mar, onde un veleiro navega as súas augas. Unha cortina de cor vermella é a encargada de separar o espazo interior do exterior, ofrecéndonos unha visión escenográfica, que resalta a artificialidade da escena, que fluctúa entre o teatral e o onírico. A paleta de cores é moi extensa e concéntrase nos tons máis do gusto do artista, os azuis, nunha ampla gama, e as tonalidades rosáceas. 

     Desde el balcón é unha obra rica en referencias á historia da arte. Nela transloce a admiración de Lugrís polos pintores metafísicos, e especialmente por Giorgio de Chirico, patente na representación das arquitecturas, xeometrizadas e dotadas dun halo de misterio, ademais de certo carácter clásico. Así mesmo, a distorsión da perspectiva nos elementos do primeiro termo, recorda ás naturezas mortas de Cezanne, tamén presente na xeometrización das formas, mentres que Gurméndez afirma que: "Recuerda por su atmósfera suave y recogida, a los grandes maestros holandeses Peter de Hoog y Vermeer, quienes reflejaban la poesía objetiva aún de la más mínima e intrascendente realidad"1. A escuridade tormentosa do ceo remite as paisaxes románticas, mentres que a presenza dos escenarios teatrais é propia da pintura de Granell.


1. GURMÉNDEZ, C., en El País, Madrid (12/06/1965).