Dominante horizontal con triángulo y mecates

Dominante horizontal con triángulo y mecates

  Dimensións: 100 x 162 cm

Comentario:

     En Dominante horizontal con triángulo y mecates preséntase unha superficie de madeira pintada en negro, onde escava a figura dun triágulo equilátero con  varias divisións a baixorelevo no seu interior. A sobriedade da obra, baseada na monocromía, confírelle un clima case místico. A ausencia de cor outorga un silencio absoluto ao cadro, roto unicamente pola aparición misteriosa do oco triangular e os dous sucos inferiores. Esta quietude só se anima ante a incidencia da luz sobre a superficie da táboa, enchéndoa de vivacidade ao proxectar sombras, tanto na área lisa, como na excavada. 

    Leopoldo Nóvoa introduciuse de maneira paulatina na linguaxe da abstracción. Aconsellado polo círculo de artistas exiliados en Arxentina e Uruguay (Seoane, Torres García, Onetti no plano literario), desenvolve unha arte construtiva que finalmente desembocou na abstracción, elaborando un estilo propio e recoñecible. Nas súas obras, o relato desaparece, e son materia e cor os compoñentes que permanecen baixo unha iconografía ausente de referencias. Tras cultivar o informalismo matérico, os cadros desocúpanse progresivamente, perseguindo como único obxectivo o baleiro. Deste modo, as formas plásticas vólvense portadoras de emocións puras. O seu discurso estético está cercano ao suprematismo do último Malevich, Kandinsky, Rothko, e algúns exemplos da abstracción postpictórica caracterizados por obras profundamente poéticas, baseadas na musicalidade das formas en contacto co espazo.