El caballo respetuoso con las damas

El caballo respetuoso con las damas

  Dimensións: 91,5 X 122

Comentario:

    Na década dos setenta atopamos algúns trazos compositivos que definirán a última pintura de Eugenio Granell como poden ser a utilización de elementos teatrais, o sentido lúdico do debuxo e da cor plana que o anima, a temática inspirada no mundo da literatura, sobre todo a do Século de Ouro español, o achegamento ao mundo infantil mediante adiviñas ou recursos tomados do cómic, a monumentalidade das figuras ou a estreita relación entre o título e a figuración.   

    Moitos destes trazos atopámolos en El caballo respetuoso con las damas, que entronca co mundo do teatro (ao que Granell estivo moi ligado) de forma evidente nalgúns elementos formais utilizados na composición: a orla negra que delimita a parte alta da escena a modo de pano, o foso que se insinúa no primeiro termo, a disposición nun mesmo plano dos tres personaxes principais e a súa actitude coreográfica, ou a profundidade existente na escena, conseguida por bandas paralelas que propoñen un espazo que se materializa no cambio de escala do cuarto personaxe, ademais da visión sideral que simula o plano do fondo. As figuras antropomórficas e zoomorfas, e a explosividade da cor inspíranse en Duchamp, artista moi admirado por Granell e co que trabaría unha boa amizade, e no Pop Art, corrente de gran trascendencia na década dos sesenta.