Escenas de Cabaret I

Escenas de cabaret I. Demetrio Monteserín

  Dimensións: 230x230

Comentario:

   O conxunto das pinturas realizadas por Demetrio Monteserín no Café Moderno de Pontevedra presentan unha clara unidade de estilo, caracterizada pola influencia da súa actividade como ilustrador. Segundo Juan Monterroso1, este feito explícase, en primeiro lugar, polo uso de amplas manchas de cores planos, dominadas por un sentido decorativo propio da ilustración modernista de finais do século XIX e principios do XX. En segundo lugar, pola liña de contorno, que delimita as figuras á vez que enmarca as manchas de cor. Tamén é característica a economía de medios plásticos, en obras onde as referencias espaciais e os elementos accesorios a penas fan acto de presenza. Por último, o tratamento persoal da caricatura, acentuando os aspectos máis expresivos da figura humana, fan que os seus personaxes compartan a mesma imaxe distorsionada. Nesta escena, obsérvase unha moza en rigoroso perfil que, sentada nunha cadeira de brazos, mira cara un grupo de sete homes dispostos ao fondo da composición, vestidos de frac, e identificados mediante bandas de honra, coroas e carteiras que sacan do peto. Esta caracterización, que se une á súa representación de forma caricaturesca, é unha imaxe irónica dos "nuevos ricos" da época. Estes homes repeiteados son os pretendentes da rapaza, unha cabareteira, que debe decidir por quen se decanta, creando una tensión visual hacia o home que ten a billeteira na man. A falta de referencias espaciais provoca que a perspectiva se realice mediante a superposición de planos e o cambio de tamaño das figuras. En primeiro plano está a muller, de maiores dimensións que os homes, situados no fondo, nunha clara isocefalia que remarca un plano horizontal, mentres unha liña imaxinaria do chan parte da zona central da composición.


1MONTERROSO, J.: "Informe histórico: O edificio de Caixa Galicia en Pontevedra (Antigo Café Moderno)", en O Antigo Café Moderno de Pontevedra, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2001.