Espacio cromlech con dos relieves y banda blanca

Espacio cromlech con dos relieves y banda blanca

  Dimensións: 54 x 73 cm

Comentario:

    Unha vez máis Nóvoa recorre á imaxe aérea do cromlech para suxerir un "des-paisaje" 1 onde os obxectos se reducen a abstraccións máis ou menos xeométricas, e parecen representados dende un punto de vista cenital, como se dunha fotografía aérea se tratase. Non obstante, nunca son paisaxes reais, senón creacións ou recreacións formadas a partir dunha serie de elementos recorrentes na pintura do artista, neste caso, os cromlech, o relevo e a conxugación de dúas únicas cores: branco e negro, orixe e fin do espectro lumínico. O principal compoñente paisaxístico é a forma cromlech, que asoma pola parte superior do lenzo, e incluso a franxa branca, creada coma un brochazo veloz que risca a monocromía da obra e desafía dialecticamente a sombra negra do cromlech. Os relevos xeran espazo e luz, dotando ao lenzo dun volume real, que modifica a súa superficie e matiza a cor segundo a incidencia da luz, que dota de vida propia á composición. 

  Espacio cromlech con 2 relieves y banda blanca  é un exemplo da liña de traballo que fará de Nóvoa un artista único e relevante dentro do ámbito da pintura internacional. Persoal porque as súas referencias son múltiples e moi variadas: suprematismo, abstracción xeométrica, informalismo, arte povera ou espacialismo, pero que combina segundo o seu instinto e seu modo de entender o acto creativo nas obras cun selo inconfundible. As súas obras falan da abstracción, pero tamén da natureza, de onde saen moitos dos elementos empregados. O espazo, a materia, o tempo, a forma, a luz e a cor son os elementos básicos da pintura. No modo de concebilos e combinalos está a maior ou menor modernidade da obra resultante. Nóvoa xoga con eles, respetando o carácter particular de cada un, e potenciándoos segundo o seu propio criterio. Así, as súas obras son espazo e luz, que someten á cor, que o artista reduce para un mellor funcionamiento destes factores. El  explícao do seguinte modo: "Empecé con pintura decorativa, de temática gallega. Después derivé hacia un expresionismo en el que trataba de enriquecer- así o creí entonces- materia y forma a base de color. Pero tras la realización de un inmenso mural que inicié en 1962 (...) comencé a sacar elementos hasta quedarme exclusivamente con el espacio y la luz. (...) Empleo colores casi neutros: grises, negros, ocres...; y una materia muy pobre, sin brillos. Los elementos son de una humildad total" 2.

 

1 LAMBERT, J-C.: Nóvoa, Éditions Cercle d´art, París, 1999.

2 Extraído dunha entrevista de Mª Antonia F. Sáiz en La Voz de Galicia, 16 de maio de 1975.