Galicia

Galicia (Díptico)

  Registro: 419

  Ano de creación: 1953

  Dimensións: 268.8 x 180 x 7 cm c/ud (díptico)

  Técnica: óleo sobre táboa

  Categoría: surrealismo

Comentario:

Descubrimento do espazo físico de Galicia, a través dunha paisaxe de ruínas e piñeiros que enmarca teatralmente a representación cartográfica. Continuando a tradición das cartografías utópicas da Idade Media, o artista mestura aspectos do real e da lenda literaria para realizar unha interpretación simbólica do territorio, onde cada emprazamento localizase mediante un emblema significativo. Recorre a metáforas gastronómicas, paisaxes específicas ou ao patrimonio artístico. Así, A Coruña aparece sinalada cunha Torre de Hércules, Lugo coa Muralla romana, Pontevedra a través da imaxe da Vírxe Peregrina, Ourense coas súas Termas, etc.

Estrutura a pintura como unha esvástica coas súas catro provincias, diferenciadas por diversas cores, en rotación. "Galicia: emblema solar de energías centrífugas".  A súa traxectoria pictórica inclúe outros dous mapas con características similares: Mapa de Galicia (1959), que pertence ao Museo Quiñones de León (Vigo), e un terceiro (tríptico) coa representación nos laterais da Virgen del Carmen e San Telmo.

Entre os múltiples motivos, representa un bodegón mariño con galeóns, illas fantasmas, monstros mariños, a rosa dos ventos, áncoras, catalexos, vieiras, gaivotas, peixes e outros elementos propios do mundo mariño soñado por Lugrís e a costa galega, recreada nesta obra. Para a representación, adopta volumes plásticos debedores do cubismo, que tenden á xeometría. Por exemplo, as montañas son representadas como pirámides.  

O proceso de realización da pintura é moi meticuloso, realiza un debuxo previo a lapis que despois vai enchendo de cor, cunha pincelada moi pequena e minuciosa, case imperceptible. O cromatismo é vivo, con cores de ensoño que entroncan co mundo de lendas galaico. Utiliza o verde, azul, vermello, rosa e amarelo brillantes, rexeitando a gradación tonal que é substituída, para dar volume, por fortes contrastes cromáticos. A ausencia de matices na cor crea unha pintura que tende á bidimensionalidade e remite aos decorados teatrais. A inclusión das árbores nun primeiro plano, e a sucesión de obxectos a diferentes alturas, consegue certa perspectiva, pero que  non dilúe a sensación de representación simbólica da súa terra.