Historia de nubes

Historia de nubes

  Ano de creación: 1997

  Dimensións: 190x190

Comentario:

    A obra de Din Matamoro é cambiante, aberta a todo tipo de reclamos e novas posibilidades, pero fundamentada en dúas posturas extremas que xorden ao longo da súa traxectoria, e que son fundamentais para entender a obra deste artista. Por un lado,  atopámonos cunha tendencia máis barroca, que funde o collage, o pop, o cine, o humor, etc., con bastantes doses de ironía. Por outro, desenvolve unha proposta que está en conexión coa natureza, e dá como resultado unha obra máis intimista e espiritual. A esta segunda tendencia pertence Historia de nubes. Neste cadro, o artista recréase observando o espectáculo que a propia natureza nos ofrece, para logo plasmalo de forma totalmente subxectiva. As súas pinturas son sinxelas, desmaterializadas, con grandes efectos de luz e cor, que recrean a agua, o vento, as ondas ou, como é o caso, as nubes: "hago fotos a los dibujos del cielo que forman las nubes"1. O resultado son paisaxes imaxinarias, coma a deste exemplo, xurdidas do interior do artista, e que tratan de captar o cambiante, o transitorio e o fugaz. É por isto que a súa obra non se repite, porque ao igual que as nubes, as ondas ou a agua e o vento, está en constante movemento.


1Memoria de mi olvido, Servizo de Publicacións Deputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra, 2002.