La cortesana

La cortesana. Carlos Sobrino

  Dimensións: 181x521

Comentario:

    No momento no que encargan a Carlos Sobrino as catro pinturas para o Café Moderno de Pontevedra, o artista gozaba xa dun recoñecido prestixio nacional e internacional1. Tal vez por iso, decidiu apartarse totalmente da súa traxectoria rexionalista, considerando que unha temática propia de pintores académicos, con reminiscencias clásicas e referencias literarias, sería máis acorde con este establecemento. A referencia iconográfica á Cortesana procede da Commedia dell'Arte, e se identifica coas servette que participaban como personaxes secundarios, a miúdo cortesás, e sempre asociadas a mulleres de pouca virtude. Sobrino representa a muller á esquerda da composición, cunha posición inspirada na Maja de Goya, o busto espido, e recostada sobre un friso, nunha postura de abandono que pode recordar á Odalisca de Ingres. O friso marmóreo que centra a pintura é o das Dionisias, conservado no Louvre. O relevo representa as danzas procesionais das doncelas atenenses, co motivo da celebración das vodas sagradas de Dioniso. Sobre o friso, cara á dereita, hai unhas densas grilandas de flores que, co seu colorido e o dos panos da cortesá, xunto coa actitude provocativa desta, axudan a potenciar o significado dos pavos reais que centran a composición, símbolos da sensualidade.


1Hoxe só se conservan tres das cuatro pinturas orixinais. A cuarta representaba unha augadora de raza india, seguramente parella de La tentación de Colombina, pero que se arruinou polas humidades provocadas por un depósito de auga situado no piso superior, que pingaba constantemente. Na época na que o Café Moderno funcionaba como tal, non había auga corrente e debían usar estes depósitos para o autoabastecemento.