La piel de la música

A pel da música. Jaime Quessada

  Dimensións: 300x240

Comentario:

    En La piel de la música, Quessada crea un mundo onírico, dislocado e fantástico que non remite tanto á obra do seu admirado Picasso como á de Salvador Dalí. A presencia das cabezas de león, o tipo de paisaxe que enche o fondo do cadro, e a descomposición imprecisa das figuras remiten á obra do artista de Figueres. Neste cadro o artista une distintos compoñentes que tradicionalmente se asocian coa música, como son os instrumentos musicais ou a danza, representada mediante as imaxes de bailarinas. As figuras enchen os límites da obra, mentres a parte central queda reservada para a citada paisaxe e á creación dun espazo en perspectiva. Trátase dun lenzo de enormes dimensións baseado na conxugación de tons cálidos -predominantemente vermellos- e fríos -azuis- de gran intensidade que actúan como unha labazada visual. A presencia de seres híbridos contribúe a aumentar o impacto sobre o espectador, á vez que remite á pintura do Bosco. Quessada  nútrese da influencia de mestres da historia da arte, explora a súa obra e reinterprétaa, para pasala  por un filtro pop e crear unha arte impactante e persoal.