La sabina

Fotografía da obra A sabina. Ubicada na entrada da sede da Fundación en Ferrol

  Registro: 1147

  Ano de creación: 2004

  Dimensións: 300.30 x 630 x 190 cm

  Técnica: ferro forxado

  Categoría: El Paso

Comentario:

La Sabina, realizada por Martín Chirino para a sede ferrolá da Fundación Novacaixagalicia, é un compendio da escultura do creador canario. Realizada en ferro forxado, material omnipresente na súa produción e ao que conseguiu sacar o maior partido, esta obra é unha mostra do gusto de Chirino polo arábigo e a liña curva, representada nos meandros e as espirais, máximas expresións do seu facer. A escultura deste artista  caracterízase pola ductilidade do material, que se converte nas súas obras nunha serpentina lixeira, e incorpora o espazo e o aire ás súas composicións. 

As creacións de Chirino son, a cotío, unha abstracción do vivido, da súa cultura e das súas raíces. O mundo guanche e as tradicións africanas foron recollidas e filtradas polo artista, converténdoas en materias universais. La Sabina é un exemplo desta forma de traballo. Trátase dunha variedade de cibro propia das rexións meridionais, e caracterízase polo seu tronco vermello e follas afiadas. As súas pólas, esténdense en paralelo ao chan, crecen á beira do mar, e as súas formas dependen do vento -outro compoñente clave das obras de Chirino- que as modela ao seu antollo. É por isto que La Sabina presenta unha forma aparentemente desequilibrada, ancorada ao chan mediante un tronco torto, pero firme e sólido, mentres que as pólas, volutas pregadas, desenvólvense en planos paralelos marcando a direccionalidade da peza. Todo nesta peza é harmonía, progresión e orde, determinados polo ritmo suave das curvas e contracurvas do ferro. La Sabina está en relación con outras "árbores" que Chirino realizou nos últimos anos. Neles atopamos sempre a impresión de dinamismo, reflexo do azoute do vento ou do movemento implícito do crecemento vital, representado como unha sensación de expansión no espazo.