La sirena pescada

La sirena pescada. Luis Seoane

  Dimensións: 36 x 24 cm.

Comentario:

    Seoane, como membro do grupo Os Renovadores, sente a necesidade de reconstruír os valores éticos e estéticos sobre os que debería gravitar unha cultura galega modernizada. Esta iniciativa, derívase das prácticas das vangardas históricas que consideraban que a arte era un medio para construír un home novo. Seguindo este postulado, os compoñentes do grupo querían crear unha Galicia ideal, na que o exercicio da razón democrática fose a base da política.

    O contacto de Seoane coa Imprenta Compostelana, editora da revista Nós, esperta a súa afección pola artesanía gráfica e o editorialismo. Hay quen apunta, nos seus primeiros traballos, a influencia da Xeración do 27, que emerxe no carácter lúdico, fantástico e imaxinativo destas obras, semellantes aos cadáveres exquisitos,  que se unen ao lirismo defendido por Cahiers d´Art. As esixencias da impresión mecánica determinaron, en boa medida, o desenvolvemento posterior da súa arte, que sufriu unha considerable esencialización e a redución a signos elementais de recoñecemento. Xa nesta época resalta a forma escultórica das figuras, inspirada no traballo dos canteiros e a escultura románica. Inconograficamente, decidiu seguir unha liña histórico-lexendaria para dar a coñecer as lendas e tradicións galegas, e crear imaxes de significación coletiva, nun intento por manter viva a memoria e resaltar a identidade do pobo galego. Na data en que ilustra este libro, o artista empeza a utilizar o óleo, en trazos vigorosos que recalcan os perfís da forma e dan volume mediante sombras de cor. Trátase dun colorido rico e brillante, inspirado en códices miniados, as cerámicas ou as teas.

    Ao longo de toda a súa carreira, Seoane, nunca deixou de investigar as posibilidades do gravado, propoñendo novas solucións e vías expresivas. A súa obra tivo unha importancia capital para o desenvolvemento da ilustración e a gráfica galega, e o seu facer neste ámbito condicionou a técnica da súa pintura ao óleo, logrando un estilo sumamente persoal, e facéndose un oco entre os principais artistas galegos do século XX.