Le feu sur la plage

Le feu sur la plage. Miquel Barceló

Le feu sur la plage. Miquel Barceló

  Registro: 1606

  Ano de creación: 1984

  Dimensións: 199 x 304 cm

  Técnica: técnica mixta sobre lenzo

  Categoría: expresionismo, figuración

Comentario:

A obra de Miquel Barceló está inicialmente ligada á abstracción e a formulacións conceptuais que despois abandona para introducirse na figuración. As súas obras convértense en lenzos de gran formato cun marcado expresionismo onde acude ás técnicas de Pollock (action painting), Tàpies ou da Art Brut.

En 1984, ano de creación de Le feu sur la plage, ten lugar a súa primeira exposición na galería de Bruno Bischofberger en Zúric. Dende este momento, o representante de galería suízo convértese no seu marchante.

Le feu sur la plage é unha colosal obra onde a materia cobra especial importancia. Unha figura recostada aviva un lume case real onde o contraste cromático é tan forte que crea unha violencia expresiva impresionante pese á simplicidade formal. As chamas iluminan o corpo do home mentres a area e o mar fúndense nun xogo de sinuosas liñas que dirixen o ritmo da composición máis aló do lenzo creando unha forzada perspectiva.

Esta obra, polas súas dimensións, execución e trazos estilísticos tan marcados e recoñecibles dentro da obra de Barceló, configuran ao cadro nun destacado exemplo da produción que inaugurou a súa relación con Bischofberger e que o consagrou coma un dos artistas contemporáneos de maior renome.